Detido un home en Vigo por ameazar a súa ex parella cunha arma de aire comprimido
A policía recibiu varias chamadas que alertaban do que estaba a ocorrer en plena rúa.
A Policía Nacional detivo un home en Vigo despois de que ameazase a súa ex parella e o acompañante que se atopaba con ela cunha pistola de aire comprimido.
Segundo informou o corpo, sobre as 20,00 horas, a central recibiu varias chamadas nas que se informaba da presenza dun individuo armado que estaba a ameazar a transeúntes no final de Ramón Nieto.
Ao lugar acudiron varias dotacións que, tras tomar medidas de precaución, lograron reducir e identificar a un home que, ao ser cacheado, portaba unha arma de aire comprimido coa que ameazara a transeúntes.
Finalmente, solicitados os datos, os axentes descubriron que os obxectivos das ameazas eran a ex parella do detido e o acompañante que ía con ela.
Escribe o teu comentario