A valedora investiga a "ralentización" na tramitación da Risga
Servizos sociais da comarca do Salnés denunciaron que persoas con dereito a esta axuda tardan unha media de tres meses en cobrala.
A valedora do Pobo, Milagres Otero, abriu unha queixa de oficio para investigar a "posible ralentización" na tramitación da renda de inclusión social (Risga) tras ter coñecemento de que beneficiarios que cumpren os requisitos para recibila tardan tres meses en empezar a cobrar.
Así, a valedora do Pobo dirixiuse ao conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, para interesarse por os tempos medios de tramitación das axudas de emerxencia social e co obxectivo de coñecer "de que modo se pode mellorar".
Nun comunicado, este organismo remarca que a Risga se converteu no "salvavidas" de moitas familias sen ingresos e a "última opción antes de caer en situacións de exclusión e pobreza". Ademais, asegura que "non é a primeira vez" que a valedora do Pobo ten coñecemento da "lentitude na tramitación da mesma con esperas de máis cinco ou seis meses".
Por iso, mostra a súa preocupación por que técnicos de servizos sociais da comarca do Salnés informasen nos últimos días de que persoas con dereito a esta axuda "tardan na actualidade unha media de tres meses en cobrar a primeira mensualidade".
Neste sentido, apunta que "os trámites das rendas de emerxencias están protagonizados pola Xunta de Galicia e os concellos", polo que solicitará información sobre tempos de espera para o cobro efectivo e acerca das medidas de emerxencia que tanto administracións autonómica e locais teñen previsto.
Tamén fai fincapé en que a maioría das queixas tramitadas nos últimos anos pola área de servizos sociais do Valedor do Pobo refírense a situacións de risco de exclusión, de modo que Otero cre necesario actuar con urxencia ante elas, máis aló de que en 2016 se detectase un descenso de queixas polos atrasos.
Escribe o teu comentario