Os estibadores inician hoxe 48 horas de folga nos portos

|

Estibadores


Os estibadores inician este mércores unha folga de 48 horas consecutivas en todos os portos, tras concluír sen acordo a reunión mantida este martes coa patronal Anesco, segundo indicou Antolín Goya, da Coordinadora de Traballadores do Mar, principal sindicato do sector.


O paro arrincará ás 8.00 horas deste mércores e estenderase ata as 8.00 horas do venres, día 16. Esta folga sucederá ás tres xornadas de paros que o gremio xa secundou a pasada semana, que segundo o Ministerio de Fomento supuxo unha perda ao sector de 36 millóns de euros.


Goya indicou que no encontro deste martes, dunhas tres horas de duración, os sindicatos da estiba (Coordinadora, UXT, CC.OO, CIG e CXT) expuxeron unha nova proposta ás empresas.


Con todo, os representantes da patronal Anesco indicaron que non poderían aceptar ningún dos seus puntos ata non sometelos á súa asemblea, prevista para a tarde do venres, isto é, unha vez que o paro de 48 horas xa concluíse.


Na súa proposta, ademais de pedir unha garantía de mantemento do emprego mediante subrogación de todos os traballadores da estiba tras a reforma do sector aprobada polo Goberno, os sindicatos ofrecían adiantar parte da rebaixa do 10% dos maiores soldos que xa se comprometeron a asumir.


En concreto, os estibadores ofrecen baixar xa un 5% os seus soldos naquelas empresas que acepten subrogar aos traballadores e participar nos centros portuarios de emprego, as ETT's en que se converterán as sagep, firmas das que actualmente dependen estes traballadores portuarios.


Así mesmo, ofrecen un período sen conflitividade ata o 30 de setembro para acabar de negociar e pechar o novo convenio, e entón aplicar a rebaixa restante do soldo do 5%.


"Trátase da segunda ocasión en que os sindicatos vimos á reunión cunha proposta", reivindicou o dirixente de Coordinadora. "Estamos a facer todo o esforzo posible para establecer un marco para o acordo", asegurou.


Con todo, Antolín Goya manifestou a súa "sorpresa" ante o feito de que a patronal "non poida comprometerse na mesa de negociación á subrogación dos traballadores que anuncia a través de comunicados".

relacionada Os estibadores manteñen a folga tras concluír sen acordo a reunión coa patronal

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress