Intensifican os controis de alcol e drogas ao volante
"O alcol é un factor concorrente ou determinante nun terzo dos accidentes con vítimas mortais", lembra a DXT.
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) pon en marcha desde este luns unha campaña especial de control sobre a taxa de alcoholemia e consumo de drogas que se estenderá ata o domingo 11.
Durante toda a semana, axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis deste tipo a condutores nas vías galegas. Igualmente, potenciarase a colaboración cos concellos para realizar controis en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de lecer nocturno.
A Delegación do Goberno lembra que "o alcol é un factor concorrente ou determinante nun terzo dos accidentes de circulación con vítimas mortais". "A súa presenza na condución, dependendo da súa taxa, multiplica entre 2 e 15 veces os riscos de sufrir un sinistro e constitúe un factor agravante das súas consecuencias", segundo advirte.
En 2015, as análises toxicolóxicas realizadas a 638 condutores falecidos en accidentes de tráfico de toda España revelaron, segundo indica a Delegación do Goberno, que un 43 por cento deles presentaban unha taxa de alcol etílico en sangue superior a 0,3 g/l, unha porcentaxe que ascendía ata o 46% no caso de peóns falecidos pola mesma causa.
PEÓN
"E é que o peón, como usuario máis débil da vía, necesita tamén estar en pleno uso das súas facultades físicas e mentais para non correr riscos", segundo avisa a Delegación do Goberno.
"Menor percepción ou percepción equivocada da súa contorna, perda de visión, maior asunción de riscos, son consecuencias que se derivan da inxesta de alcol, aumentado a posibilidade de sufrir un atropelo", segundo subliña.
HÁBITOS
A DXT detectou un cambio no comportamento dos cidadáns que supuxo "un descenso significativo", segundo indica, dos positivos detectados en controis de alcoholemia no último decenio.
O obxectivo, tanto desta nova campaña especial como dos controis ordinarios, "é proseguir nesta liña descendente", segundo abunda. "A única taxa segura é o 0,0%, pois aínda que nos creamos en pleno uso das nosas facultades físicas e mentais, coa inxesta de alcol estamos a multiplicar o risco de sufrir un accidente", conclúe.
Na campaña equivalente desenvolvida en xuño do ano pasado realizáronse 14.700 probas de alcoholemia e 285 de drogas na rede viaria galega, nas que houbo 205 positivps en alcol e 132 en drogas.
Escribe o teu comentario