O prezo do leite dos gandeiros galegos volve baixar en abril
Queda nos 30 céntimos, o prezo máis baixo no conxunto de España, onde a media se sitúa a máis dun céntimo de distancia por litro.
O prezo do leite que se paga en Galicia a gandeiros volve baixar en abril e queda en 30 céntimos o litro, de forma que a Comunidade galega volve ser na que menos se abona aos produtores.
Así figura nos datos feitos públicos este venres polo Ministerio de Agricultura, onde se observa un retroceso desde os 30,2 céntimos que se pagaban en marzo aos 30 céntimos de abril.
Pola súa banda, o prezo en Galicia está a máis dun céntimo de distancia da media que se paga en España, que é de 31,3 céntimos o litro.
Ademais, o prezo na Comunidade galega atópase lonxe dos 34,6 céntimos o litro que se abonan en País Vasco, así como dos 33,4 céntimos de Asturias.
BAIXADA DE PRODUTORES
Así mesmo, a cifra de produtores que realizan entregas en Galicia volven diminuír, neste caso ata 8.369, o que supón 33 menos que en marzo, e unha perda de máis dun centenar desde os 8.476 cos que arrincou 2017.
Xunto a isto, a produción en Galicia rexistra unha lixeira baixada en abril ata 227.145 toneladas, fronte ás 230.571 toneladas do mes anterior.
Escribe o teu comentario