Atopan nun río de Lalín o corpo dun nonaxenario desaparecido
Á última hora do xoves aparecera o seu coche nas proximidades. Efectivos de emerxencias deron con el nunha zona rochosa.
O cadáver dun home de 92 anos de idade desaparecido desde o xoves foi localizado na mañá deste venres nun río de Lalín. Segundo informou o CAE 112 Galicia, o home levaba desaparecido desde o mediodía do xoves, cando saíu da casa para ir comer cun amigo.
O corpo foi localizado por efectivos de emerxencia nunha zona rochosa na contorna da Borralla. Preto de alí tamén atoparon a última hora da tarde do xoves o vehículo do home.
Unha das súas coidadoras contactou co 112 Galicia ás 19,30 horas do xoves para dar a voz de alarma. Segundo indicou, o nonaxenario marchara coa súa furgoneta e aínda non regresara.
O persoal do 112 Galicia alertou da desaparición aos Bombeiros do Deza e aos GES de Padrón e de Lalín. Tamén se informou á Policía Local e á Garda Civil. No operativo tamén participou durante a tarde do xoves unha unidade canina do GES de Padrón (A Coruña).
Escribe o teu comentario