Atopan en bo estado á octoxenaria desaparecida en Cuntis
Carmen Torres, de 84 anos e enferma de alzeheimer, desaparecera o venres tras ir a misa.
// CRTVG
O traballo que realizaban efectivos de Protección Civil e da Garda Civil xunto a numerosos veciños en busca da octoxenaria desaparecida desde o venres no municipio de Cuntis (Pontevedra) deu os seus froitos sobre as oito desta tarde de sábado, segundo informa Faro de Vigo. A anciá sería localizada en bo estado na área fluvial de Alvariños, segundo confirmou o alcalde da localidade, Manuel Campos.
DISPOSITIVO DE PROCURA
Tras esperar a súa chegada ao domicilio familiar, ás 23,30 horas do venres activouse a procura da octoxenaria, que padece alzheimer e xa se desorientara en ocasións anteriores. Foi a filla coa que reside a que avisou ás autoridades.
O venres pola noite o dispositivo de rastrexo centrouse na zona máis próxima de camiño á súa residencia onde hai casas en ruínas por se se puidese refuxiar nalgunha, pero o resultado foi negativo.
Este sábado o rastrexo centrouse en seguir a pista dun señor que asegurou vela sobre as 21,30 horas. Así, a procura trasladouse á zona de Velai, unha aldea de Cuntis.
Nas batidas, ademais de numerosos veciños, participaban efectivos de agrupacións de Protección Civil de Cuntis, Caldas, Portas, Vilagarcía e Catoira, entre outras. A eles sumáronse cans da Garda Civil, así como un helicóptero deste corpo.
Ao redor das 20,00 horas deste sábado foi finalmente localizada en bo estado de saúde.
Escribe o teu comentario