Paulo Carril asume á fronte da CIG o "reto titánico" contra a precariedade

O novo secretario xeral do sindicato recibe o 96% dos apoios tras a saída de Suso Seixo.


|

PaulocarrilPaulo Carril, durante unha das intervencións. //Foto: @galizaCIG


Paulo Carril foi elixido este domingo no VII Congreso da CIG novo secretario xeral do sindicato nacionalista co 96,23 por cento dos apoios, relevando así ao histórico sindicalista Suso Seixo, quen abandona o cargo tras 16 anos á fronte.


En concreto, emitíronse 511 votos a favor, 17 en branco e tres nulos na votación á secretaría xeral. Pola súa banda, no que respecta á executiva confederal, esta foi elixida co 95,3 por cento dos apoios --506 votos favorables, 22 en branco e tres nulos--.


A executiva confederal foi renovada nun 50 por cento, pois incorporáronse seis novas persoas --este órgano está conformado por 12 membros--.


Antes de participar na clausura do VII Congreso da CIG, o congreso da "substitución xeracional", a "unidade" e a "cohesión", Paulo Carril explicou que a CIG ten o "reto titánico" de combater os retrocesos en dereitos laborais, mellorar as condicións de vida da poboación e protexer o futuro da clase traballadora, xa que, na súa opinión, este está a ser "dilapidado" polas "políticas do PP en cumprimento cos ditados da Unión Europea".


De feito, asegurou que estas políticas traen consigo unhas "nefastas" consecuencias para Galicia, que se poden ver, ao seu xuízo, nas condicións laborais, na emigración e no desemprego.


Durante a xornada deste sábado, explicou, a CIG analizou as súas reivindicacións co obxectivo de actualizalas e estudar como deben cambiar as actuais políticas económicas para saír da crise. Así mesmo, apostou por unha "actualización" das ferramentas organizativas para poder "facer fronte aos abusos da patronal" nos centros de traballo, así como ser un "resorte" na mobilización social para "combater as políticas neoliberais".


CONTINUAR O TRABALLO DE SEIXO E O SEU EQUIPO


A pesar de facer fincapé na necesidade de actualizar determinados aspectos, subliñou a necesidade de "ser capaces de continuar" o traballo realizado polo secretario xeral saínte, Suso Seixo, e pola anterior executiva. E é que lembrou que a CIG é "a primeira forza sindical" en movemento social e en afiliación.


Ao congreso, titulado 'Coa CIG somos máis fortes', asistiron a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o viceportavoz de En Marea no Parlamento galego, Antón Sánchez.


Pola súa banda, Pontón, afiliada á CIG, enxalzou o "enorme traballo" da dirección saínte e, sobre todo, a figura de Suso Seixo: "Unha persoa con firmeza, conviccións e a capacidade suficiente como para situar a CIG nun proceso de crecemento e referencia clara da defensa dos dereitos de Galicia e dos traballadores".


Acto seguido, denunciou que o sindicalismo estatal, en alusión a CC.OO. e UXT, "se desnortou no significado real do que supón a defensa dos dereitos dos traballadores". "Se o nacionalismo é máis necesario que nunca, o sindicalismo nacionalista é importante nun momento no que se arrasa cos dereitos dos traballadores", subliñou, para logo lamentar que, mesmo antes da crise, Galicia xa tiña un mercado laboral "moi deteriorado", o que fixo que esta situación "se agudizase máis".


PAULO CARRIL, "APOSTA SEGURA"


Sobre a figura de Paulo Carril, novo secretario xeral, dixo que é unha "aposta segura", xa que se trata dunha persoa con "moita experiencia" no sindicato. Por iso, sostén que tanto el como a nova dirección serán "capaces de encarar", con "honestidade" e "convicción", todos os problemas.


Por último, considera que o crecemento da CIG durante a crise constata que este sindicato fixo ben o seu traballo.


Pola súa banda, Antón Sánchez destacou a importancia de ferramentas como a CIG, que ve "moi necesarias" na actualidade porque entende que "o traballo nas institucións políticas non é suficiente".


"Necesítanse ferramentas onde a clase traballadora se organice para loitar, recuperar os seus dereitos e superar este modelo de desigualdade", defendeu o viceportavoz parlamentario de En Marea, quen cre que nos próximos tempos é "moi importante" que estas organizacións "saian reforzadas" dos seus procesos.


"Queda moito traballo", subliñou, despois de denunciar que quen "causou" a crise saísen "fortalecidos" e quen a sufriu acabasen "perdendo".

relacionada A CIG ve condicións para unha folga xeral, pero non se lanzará en solitario

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE