Piden cinco anos de cárcere ao alcalde de Vilariño de Conso por contratos a dedo

Ventura Sierra defende que "nunca" tivo a intención de "facer dano a ninguén", pero fiscal e acusación consideran "acreditados" os delitos que lle atribúen.


|

VenturasierravilarinhoconsoVentura Sierra, alcalde de Vilariño de Conso. //Foto: web municipal


A Fiscalía e a acusación popular reclamaron este xoves cinco anos de cárcere e 14 de inhabilitación para exercer cargo público para o alcalde de Vilariño de Conso, Ventura Sierra, por considerar "acreditado" que cometeu falsidade documental e prevaricación en 29 contratos temporais entre 2012 e 2013.


A defensa reclamou a libre absolución do rexedor, que defende que polo Concello pasaron traballadores "de todas as cores" e que el "nunca" tivo a intención de "facer dano a ninguén".


No Concello de Vilariño de Conso "contratábase a dedo" cun sistema "totalmente arbitrario", dixo o fiscal, tras sinalar que "ningún" das testemuñas que declararon este xoves na Audiencia Provincial de Ourense puido aclarar onde se publicaban as bases dos concursos.


O fiscal lembrou que a secretaria do Concello recoñeceu realizar "múltiples advertencias" ao alcalde sobre a "irregularidade dos procesos de contratación" ao non facer públicas as bases nun taboleiro ou cun concurso de méritos, tal e como establece a lei.


Tamén a acusación particular considerou que o edil "era consciente" de que faltaba ao principio básico da publicidade, obrigatorio na contratación pública, porque llo sinalou a secretaria "en multitude de informes".


Para a acusación popular o alcalde é responsable de prevaricación en base á ausencia de publicidade das convocatorias de emprego e por usar a súa condición como edil para realizar as contratacións a pesar das advertencias da secretaria.


"A DEDO"


Ademais, considérao responsable de falsidade documental porque "tratou de disimular as contratacións simulando un proceso de selección".


Na súa intervención a acusación popular tamén considerou que o edil "contrataba a dedo" e que "non houbo un proceso de selección oficial, senón persoal, á marxe da mínima esixencia de legalidade".


A defensa incidiu en que o edil "non xestionou directamente as contratacións" e defendeu que o seu cliente cría que non había prevaricación na súa actuación ao considerar que a situación "estaba controlada baixo o punto de vista legal" despois de que a secretaria levantase os reparos para o pago das nóminas aos traballadores contratados.


Respecto da ausencia de publicidade dos requisitos das convocatorias de traballo, a defensa argumentou que a propia orde da Xunta que regula este tipo de contratos recolle as condicións para optar ao posto e que "o Inem filtraba os candidatos segundo os requisitos desa norma".


NON FORON ENTREVISTADOS POLO ALCALDE


A segunda xornada do xuízo contra Ventura Sierra viu pasar ante o xuíz a once das persoas contratadas durante os anos 2012 e 2013.


Todos coincidiron en que ningún deles falou de forma directa co alcalde durante o proceso de contratación, senón que a selección se realizou a través da axente de emprego ou da traballadora social.


TRABALLADORES "DE TODAS AS CORES"


Pero tamén houbo unanimidade respecto da falta de publicación dos requisitos da convocatoria nun taboleiro de anuncios; así como das puntuacións dos traballadores citados para o posto.


A traballadora social encargada das entrevistas no Concello explicou que a decisión final de que candidatos eran os que se contrataban "realizábaa Ventura Sierra seguindo as súas indicacións".


"Polo Concello pasaron traballadores de todas as "cores", a miña intención nunca foi facer dano a ninguén", dixo o alcalde de Vilariño de Conso durante a súa alegación final no xuízo celebrado durante dous días na Audiencia Provincial de Ourense.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE