Arrinca nas Pontes a I Edición da Volta a España en vehículo eléctrico
Na primeira etapa, un traballador da central conduciu un BMW i3 ata a cidade de Lugo.
As inmediacións da central térmica que Endesa ten nas Pontes (A Coruña) foi o escenario no que se iniciou a I Edición da Volta a España en vehículo eléctrico, organizada pola compañía eléctrica coa colaboración de seis fabricantes de vehículos que dispoñen na súa gama de automóbiles eléctricos.
Precisamente foi un empregado do centro de traballo pontés, Francisco Javier Paz, o que conduciu un BMW-i3 durante a primeira das etapas, entre As Pontes e Lugo, de 76 quilómetros de percorrido e que transcorreu por estradas da provincia da Coruña e Lugo, cidade á que chegou ao mediodía, tras transitar tanto por autovía como por estradas autonómicas.
O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, quixo estar presente nesta saída, onde estivo acompañado polo director xeral de Endesa Noroeste, Miguel Temboury, que asegurou que esta iniciativa "busca a promoción do vehículo eléctrico".
2.000 KM SEN PINGA DE GASOLINA
A primeira edición desta iniciativa vai posibilitar que empregados de todo España percorran case 2.000 quilómetros e atravesen ata 19 provincias, onde ademais do piloto en cada vehículo viaxará un copiloto que se encargará de "divulgar en clave de humor a mobilidade sustentable dunha maneira amable e próxima". Coa presenza de varias cámaras no habitáculo, os vídeos difundiranse tanto na web oficial da iniciativa como a través das redes sociais.
Endesa conta co apoio de seis fabricantes de vehículos, BMW, Nissan, Kia, Renault, Smart e Volkswagen, que son os encargados de prestar os diferentes modelos para esta iniciativa, que finalizará en Madrid, o 11 de xuño, no Paseo do Prado, cunha xornada lúdica.
Escribe o teu comentario