Os socios máis fieis do Dépor recibirán o recoñecemento do club
O 15 de xuño entregaranse as Insignias de Ouro e de Prata que corresponden a aqueles seguidores que levan 50 e 25 anos apoiando ao equipo.
As insignias que recibirán os socios. //Foto: RC Deportivo
O Hotel Meliá María Pita e Palexco acollerán os actos nos que se recoñecerá aos 15 socios do Dépor que cumpren 50 anos de fidelidade e aos 691 que alcanzan os 25 anos. Tal e como informa o RC Deportivo na súa web, as galas anuais de entrega de Insignias de Ouro e Prata correspondentes á Tempada 2016-2017 terán lugar o próximo 15 de xuño, cun acto para os socios que cumpren 50 anos de antigüidade ininterrompida no Hotel Meliá María Pita e outro para os abonados que alcanzan os 25 anos no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña.
O RC Deportivo quere, deste xeito, recoñecer e agradecer o apoio incondicial ao Club e ao equipo por parte destes socios, como vén facendo desde fai varios lustros.
A Gala de Entrega de Insignias de Ouro, á que cada un dos 15 homenaxeados asistirá con, polo menos, un acompañante, terá lugar no Hotel Melía María Pita (Avenida Pedro Barrié de la Maza, 3), a partir das 14:00 horas. Unha vez concluída a entrega de insignias terá lugar unha comida.
Os homenaxeados polo seu medio século de fidelidade tamén terán protagonismo pola tarde-noite, xa que tamén están convidados á Gala de Entrega de Insignias de Prata, que terá lugar no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco) a partir das 20:00 horas.
Serán 691 os abonados que recibirán a súa insignia de prata, nun acto para o que se abrirán as portas ás 19:00 horas. Para axilizar a súa chegada, os homenaxeados poderán retirar a súa acreditación como 'Socio de Prata' desde unha semana antes da celebración da gala, na Oficina de Atención ao Deportivista situada en Riazor.
Debido ao elevado número de socios que recibirán as insignias, o acto está excluvisamente reservado aos homenaxeados.
Escribe o teu comentario