O Dépor despídese da tempada cunha vitoria cómoda na casa

(3-0). Esta vez foron os coruñeses os que se adiantaron nada máis comezar o encontro. O equipo ten mes e medio de vacacións.


|

DeporriazorandonedespedidaAndone termina a tempada con 12 tantos. // Fonte: RC Deportivo


O Deportivo pechou a súa 45ª tempada en Primeira División da mellor forma posible, cunha incontestable vitoria ante unha UD Las Palmas que tivo máis balón pero menos profundidade e menos ocasións de gol, mercé a un dobrete de Florin Andone e un tanto de Carles Gil, todos eles durante o primeiro período.


No minuto 4 chegou o primeiro tanto do encontro. Guilherme recuperou o balón tras unha falta de entendemento entre Pedro Bigas e Jonathan Viera. O brasileiro serviu en profundidade para Florin Andone. Desmarcado aínda que escorado á dereita, o romanés colocou a pelota lonxe do alcance de Raúl Lizoain cun duro dereitazo raso á cepa do pau contrario.


O partido desenvolveuse a partir de entón entre longas posesións con escasa profundidade da UD Las Palmas. Ata que no minuto 28, Andone recolleu o coiro na liña de medios, pegado á liña de cal da dereita do ataque deportivista. O romanés lanzou un autopase sobre Hélder Lopes, ao que superou amplamente por velocidade. Tras unha carreira de case 50 metros, o pichichi deportivista asinou a súa duodécima diana ao derrotar no man a man a Raúl Lizoain.


A piques de chegar ao minuto 40, Ola John desbordou o seu par, David Simón, e desde a liña de fondo sacou un centro tépedo ao segundo pau. O porteiro canario só puido palmear o coiro, que caeu a pés de Carles Gil. O futbolista valenciano non tivo máis que poñer a súa bota dereita para anotar, sen oposición, o terceiro tanto do conxunto branquiazul.


Ata o minuto 74 non inquietou a UD Las Palmas ao Deportivo. Roque Mesa bateu desde a frontal tras un despexe de cabeza de Alejandro Arribas. Roef chegou coa punta dos seus dedos para repeler o esférico a saque de esquina.


Riazor acabou facendo a onda, antes de tributar unha gran ovación a Florin Andone, que cos seus 12 tantos se converte no máximo goleador na súa tempada de debut co Dépor en Primeira desde que Diego Tristán anotase 19 no curso 2000-2001.


Unha vez concluído o encontro ante a UD Las Palmas, o primeiro equipo inicia oficialmente as súas vacacións de verán.

relacionada Pepe Mel confirma que seguirá no banco do Dépor a próxima tempada
relacionada Lux: "Fixemos unha mala tempada, esgotamos a nosa xente"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE