Feijóo reivindica o carácter dialogante de Casares e a súa "mente aberta"

Nun artigo baixo o título de 'Palabras para un país', rememora ao Casares que contribuíu a a Lei de Normalización Lingüística e salienta o espírito de "unidade" e "concordia" da norma


|

Feijoo17M


"Poucos creadores teñen a sorte de contar, xunto cunha obra estritamente literaria, con outra de tipo 'lexislativo'. Carlos Casares figura entre eles. Na súa bibliografía hai que incluír a Lei de Normalización Lingüística". Así arrinca o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o seu artigo 'Palabras para un país', con motivo do Día das Letras Galegas, no que erixe a lingua "en punto de encontro".



Neste artigo, o presidente incide en que, como todas as leis, esta constitúe un traballo "colectivo", pero constata que o "talante" de Casares está "presente". E é que, para Feijóo, "ninguén máis afastado de dogmatismos que aquel escritor que decidiu participar no nacemento da democracia galega para servir de ponte entre as diversas ideas de Galicia presentes naquel histórico momento".



"Esa ponte permite que unha das leis máis importantes nos primeiros pasos do autogoberno naza acariñada polo acordo", continúa o presidente, "optimista pero non conformista" coa situación actual do galego e convencido de que contemplar "lingua e unidade" é "capital" para "entender o modelo de recuperación do idioma".



"Optouse por establecer un binomio entre lingua e concordia, abandonando outro que asociaba legua e conflito. Pasados 34 anos desde a aprobación do marco legal da normalización lingüística, podemos afirmar que Carlos Casares e os outros inspiradores da mesma, acertaron plenamente", agrega.



Ao seu xuízo, é "inútil" buscar outra época na que o galego "teña unhas posibilidades como as que ten hoxe". "Podemos afirmar que vivimos nos soños dos que anhelaron para o noso idioma unha situación que deixase atrás a precariedade de tantos séculos. Tampouco é unha tarefa fácil atopar no mundo democrático de hoxe linguas coa dimensión da nosa, que gocen dunha maior fortaleza social, cultural, educativa e legal", reivindica o presidente.



"QUEDA MOITO POR FACER"



A conclusión de comparar a situación do galego co pasado e co presente, subliña Feijóo, "ten que ser optimista". "Optimista pero non conformista", matiza, antes de esgrimir que "queda moito por facer" e de sinalar, por exemplo, a "plena incorporación" do galego a tecnoloxías que "tamén modifican a forma de pensar, algo que preocupaba a Carlos Casares".



"A cuestión é se seguir adiante no camiño da normalización mantendo noso propio modelo, aquel modelo consagrado no Parlamento de Galicia no ano 1983, ou emular outros que, ademais de alleos, resultaron ser pouco aleccionadores", proclama.




"CONVIVENCIA"



Núñez Feijóo reivindica que o país decidiu "tomar exemplo de si mesmo para construír a súa convivencia, a súa autonomía e tamén para recuperar un idioma sometido a moitas noites de pedra" e "non se equivocou".



E é que, recalca, "en pouco máis de tres décadas" logrouse "reverter un decaimento lingüístico que duraba séculos", sen "alterar a unidade do pobo" nin facer da lingua "un motivo de fricción social".



"Conseguímolo sen caer nese erro que consistiría en aplicar en defensa do galego as ideas dogmáticas que desagradaban ao autor de 'Un país de palabras'", enxalza, antes de recoñecerse entre os "debedores dunha xeración de galeguistas que defende unha idea non patrimonial de Galicia e o seu idioma".



O presidente galego sostén que esa "xenerosidade" permitiu que varias xeracións de galegos fosen educados cun principio "básico" para que se poida "falar de auténtica comunidade: a existencia de puntos de encontro". "Galicia tenos e un deles é a lingua. Ninguén é dono da mesma, é de todos e todos contribuímos a ela coa democracia do fala", asevera.



UNHA GALICIA "PLURILINGÜE"



Feijóo cita as palabras nas que Casares reivindicaba que, con "unha mente aberta ao mundo" estase "no mundo", mentres que se se ten unha mente "pechada", dá o mesmo "vivir en Nova York ou en calquera outro sitio". Ao seu entender, esa "mente aberta" que caracteriza aos galegos permite ao pobo e á súa lingua "estar no mundo".



"Somos moitos os galegos que compartimos esa confesión que fai Carlos Casares de vivir a súa infancia e mocidade nun contorno bilingüe sen saber que era bilingüe. E somos tamén moitos os galegos que aspiramos a que os nenos de 'A Galiña Azul' vivan no seu futuro nunha Galicia plurilingüe sen darse conta de que o é", reflexiona, convencido de que Galicia será así "máis rica".



"Carlos Casares é un dos seus artífices. Deixounos moitas palabras para o noso país, as mesmas que usamos neste 17 de maio para darlle as grazas", conclúe.

relacionada Casares, contador de historias e incansable defensor da normalización do galego
relacionada Leiceaga: "Necesitariamos no Parlamento actual moitos Carlos Casares"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE