O Foro Económico de Galicia advirte dun problema "estrutural" na calidade do emprego
Feijóo avanza que as previsións de crecemento para 2017 revisaranse á alza e reivindica o "capital político" como fonte de estabilidade.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que "todo parece indicar" que será necesaria unha revisión á alza das previsións de crecemento de Galicia en 2017, situadas na actualidade polo Goberno galego no 2,4%. Con todo, o propio Foro Económico advertiu dun problema "estrutural" debido á falta de calidade do emprego na comunidade e Feijóo admitiu que existe un problema de desemprego "moi importante".
Esta análise tivo lugar este luns no marco da presentación do anuario deste ano do Foro Económico de Galicia.
Feijóo apuntou que "todo parece indicar" que estas previsións "van ter unha alza", despois de que outros organismos tamén revisasen as súas estimacións. Así, por exemplo, Funcas calcula que a economía galega crecerá un 2,9% no presente exercicio.
Con todo, o titular do Executivo autonómico, fronte a fronte co conselleiro, sinalou que será a proposta da Consellería de Facenda a que escoite e analice o Consello da Xunta.
CARENCIAS DETECTADAS POLO FORO
Previamente, o director do Foro, Santiago Lago, presentou o anuario de 2017, nun contexto de crecemento do produto interior bruto (PIB), aínda constatando que este incremento, para Galicia, "tocou teito" no último trimestre de 2016.
Con todo, explicou que o PIB galego sitúase nunha "meseta" e "con taxas elevadas", que "probablemente" o deixen por encima da media española neste trimestre.
En canto a dificultades, advertiu de un problema "estrutural" en canto á calidade do emprego, e avogou por xerar postos de traballo con maiores salarios para loitar contra as desigualdades de renda en Galicia.
Este "reto", segundo recoñeceu Lago, é "difícil" e "require axentes sociais fortes", punto no que apelou ás organizacións empresariais, para "que esquezan problemas que están a ter ou tiveron no pasado". A confederación de empresarios de Galicia (CEG), en concreto, está sumida nunha forte crise interna, dividida entre as provincias do norte e do sur.
Lago tamén valorou que Galicia "xa non está na cola" no relativo á converxencia con España, xa que pasou de estar entre as catro de cola a situarse entre as catro "por baixo da media". Neste extremo, reivindicou avanzar "moito" desde o ano 2000, aínda que en boa medida debido á perda de poboación.
Entre outras carencias, o profesor da Universidade de Vigo citou a demografía, a disposición de terras, o emprendemento e a innovación e a industria.
"O CAPITAL POLÍTICO"
Pola súa banda, Feijóo reivindicou o "capital político" que supón a estabilidade na comunidade galega, e fortalezas na súa economía como as exportacións.
En materia de emprego, admitiu que aínda hai un desemprego "moi importante", pero destacou a "recuperación", que baseou en datos como os da última EPA (enquisa de poboación activa) e o paro rexistrado.
Mencionando ao portavoz dos socialistas galegos na Cámara autonómica, avogou por analizar a evolución anual, e non intertrimestral, e vinculou a diminución de poboación activa co "problema demográfico".
Por último, e facendo alusión a palabras anteriores de Lago, o xefe do Goberno galego comentou que o seu equipo é partidario de baixar impostos, "con carácter xeral", e sobre todo no que ten que ver con herdanzas.
De calquera forma, celebrou que o Foro Económico permita o debate sobre esta e outras cuestións, como a captación de investimento estranxeiro.
Escribe o teu comentario