Galicia "volverá crecer por encima da media nacional" en 2017
Funcas revisa á alza, ata o 2,9%, as súas previsións de crecemento para Galicia en 2017, unha décima máis que España.
Funcas revisou á alza, ata o 2,9%, as súas previsións de crecemento para Galicia en 2017, de modo que a economía galega, de cumprirse as súas estimacións, rexistraría un incremento unha décima superior á española, para a que este organismo augura unha subida do 2,8% este ano.
O maior dinamismo do esperado das exportacións e do consumo privado explican a revisión á alza de tres décimas para o produto interior bruto (PIB) do conxunto do Estado, segundo sinala Funcas, que presenta a súa revisión de previsións este mércores cun acto en Santiago co seu director xeral, Carlos Ocaña, e o de conxuntura e estatística, Raymond Torres.
Para o caso galego, valora que conta cunha situación fiscal "favorable" que lle outorga unha "ampla marxe de manobra" nun ano no que a economía da comunidade, subliña, "volverá crecer por encima da media nacional".
Madrid, Baleares, Cataluña e Galicia son, así, as que máis crecerán, por encima da media. Ademais, a fundación prevé que se cren en toda España 450.000 empregos e que a taxa de paro baixe ao 17,5%.
Escribe o teu comentario