Crece a economía galega pero o seu PIB segue por baixo da media española

A economía galega creceu un 3,4% en 2016, dúas décimas por encima da media española, mentres que o PIB se situou en 21.358 euros fronte a os 23.970 euros de media estatal


|

PIB


A economía galega creceu un 3,4% en 2016, máis que a media (+3,2%), pero o produto interior bruto (PIB) per cápita situouse en 21.358 euros, por baixo da do conxunto estatal (23.970 euros), segundo os datos que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).


En concreto, a economía española creceu un 3,2% en 2016 grazas ao empuxe de todas as comunidades autónomas, con nove delas, máis Ceuta e Melilla, crecendo por encima do 3%, segundo a contabilidade rexional de 2016.


Baleares foi a que rexistrou o ano pasado un maior crecemento do seu PIB en termos de volume, cun avance do 3,8%, seguida de Madrid (3,7%), e Canarias e Cataluña, con alzas do 3,5% en ambos os casos.


Tras estas catro comunidades situáronse Galicia (3,4%) e Comunidade Valenciana e Castela e León (3,3% nos dous casos). A cidade autónoma de Ceuta, pola súa banda, creceu un 3,3% en 2016.


Por encima do 3% pero xa por baixo da media nacional do 3,2% figuran Murcia e Castela-A Mancha, ambas cun crecemento do PIB do 3,1%. A cidade autónoma de Melilla, pola súa banda, tamén creceu un 3,1% o ano pasado.


En total, sete comunidades máis Ceuta creceron en 2016 por encima da media nacional e dez máis Melilla fixérono por baixo.


O menor repunte do PIB deuse na Rioxa (1,5%), seguido de Asturias (1,9%), Estremadura (2%), Cantabria (2,3%), Aragón (2,7%), Andalucía e País Vasco (2,8%) e Navarra, cun crecemento do 2,9%.


O INE resaltou que practicamente todas as comunidades autónomas máis Ceuta e Melilla creceron o ano pasado por encima do dato estimado para o conxunto da UE-28 (1,9%). As únicas excepcións foron A Rioxa (1,5%) e Asturias, que igualou a media europea.

relacionada A débeda pública pecha 2016 no 99% do PIB, por baixo do obxectivo
relacionada O PIB creceu catro décimas menos en 2016 polo aumento da incerteza

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE