A DXT, á caza dos comportamentos perigosos nas estradas galegas
Este luns inicia unha campaña especial de vixilancia tanto en vías convencionais como nas zonas urbanas.
A Dirección Xeral de Tráfico poñerá en marcha desde o luns, 15 de maio, e ata o domingo 21 incluído, unha nova campaña especial de vixilancia nas estradas convencionais e vías urbanas da comunidade galega.
Esta campaña, incluída dentro das previstas na Estratexia de Seguridade Viaria 2011-2020, ten como obxectivo "mellorar a seguridade viaria nas estradas convencionais a través do seu deseño para evitar as saídas de vías e colisións frontais, e do mesmo xeito búscase lograr comportamentos máis seguros nestas estradas", segundo informa a Delegación do Goberno en Galicia.
Os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil vixiarán, ademais da velocidade, os adiantamentos indebidos, a inxesta de alcol ou drogas, o uso de casco e sistemas de retención, a utilización do teléfono móbil ou auriculares durante a condución, a manipulación de navegadores ou de calquera outro elemento que poida distraer e, en xeral, calquera infracción da normativa vixente en materia de circulación viaria.
A campaña contará co máximo número de medios humanos e materiais posibles, e advertirase, sempre que sexa posible, aos condutores da existencia próxima de controis, segundo indican as mesmas fontes.
VÍAS CONVENCIONAIS
A importancia desta campaña represéntase nas cifras que analiza a DXT en relación á sinistralidade viaria no territorio nacional. Así, aínda que a maioría de accidentes con vítimas se producen en vías urbanas, o maior número de falecidos e feridos graves rexístranse en vías convencionais, segundo indica a Delegación do Goberno.
En 2016, o 75 por cento dos accidentes mortais en España produciuse en estradas convencionais; en Galicia, o 89%. Na campaña específica de vixilancia desenvolvida do 9 ao 15 de maio de 2016 en Galicia, controláronse 74.973 vehículos e formuláronse un total de 3.147 denuncias, sendo 19.28 por exceso de velocidade.
Escribe o teu comentario