O Rally de Ourense vai ocupar durante dous días un xardín con importancia ambiental
ADEGA pide ao Concello que traslade o evento a outro punto que non afecte ás aves que habitan no pulmón ourensán.
Os cambios na próxima edición do Rally de Ourense, que cumpre 50 anos, non gustan aos veciños da cidade preocupados polas novas localizacións elixidas. Así, a asociación ecoloxista ADEGA trasladou ao Concello as queixas de varios cidadáns pola ocupación do Xardín do Posío.
E é que o 'pulmón' ourensán, especialmente importante polas súas aves, acollerá dentro de algo menos de mes e medio o podio e o parque pechado da proba automobilística. Os veciños preocupados pola problemática ambiental derivada diso, advirten de que o "ruído, a contaminación e a masificación de xente alterarán a vida diaria das aves e especies do xardín".
"Será un atentado ambiental de dous días", protestan, pola elección de "xusto o noso emblema ambiental como o Posío". Como solución, propoñen "trasladar o evento fóra do parque", por exemplo, ao mesmo lugar onde se celebrou o evento outros anos.
Cuestionan, ademais, que medidas vai tomar o Concello para protexer o parque e os animais no caso de que non se cambie a localización. O paseo central destes xardíns é un tradicional punto de encontro na cidade, onde é habitual que se programen moitos dos grandes concertos das Festas.
Escribe o teu comentario