En Marea denuncia a "realidade alarmante" que sofre o galego e o "asedio" á cultura
O grupo parlamentario tratará de converter a sesión plenaria deste mércores nun 'monográfico' sobre a lingua e a cultura galegas.
O grupo parlamentario de En Marea denunciou este luns a "regresión inaceptable" no número de galegofalantes e o "auténtico asedio" que o PP, desde a Xunta, está a levar a cabo en contra da cultura propia.
En rolda de prensa en vésperas dunha sesión plenaria que En Marea tratará de converter en "monográfico" sobre a lingua e a cultura galegas, o seu portavoz, Luís Villares, puxo o foco na "realidade alarmante" que sofren ambas as cuestións.
Apuntou que a porcentaxe de falantes habituais en galego pasou, entre 2003 e 2013, do 44 ao 30 por cento; mentres no caso do castelán aumentou do 20 ao 25 por cento. "Imos en dirección contraria do percorrido que debería ter a lingua propia", observou.
En canto á situación da cultura, a deputada Ánxeles Cuña falou do "retroceso brutal" dos fondos que se lle consignan nos orzamentos, duns 90 millóns de euros. "Deixa unha paisaxe desoladora e leva ao colapso", advertiu.
E é que, como dixo, a cultura "pode ser un motor económico e de integración social", e o acceso a ela por parte da cidadanía é "un dereito". Por todo iso, xulgou que é "moi grave" a escasa atención que recibe do Goberno galego.
Escribe o teu comentario