Freixanes denuncia a desvantaxe orzamentaria da RAG fronte ás academias vasca e catalá

Avanza a presentación de proxectos á Xunta en busca de colaboración, pero tamén resalta o papel doutras institucións "financeiras e económicas". 




|

Freixanesfeijoo


O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, reivindicou nunha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a necesidade de recursos da institución e puxo "os números sobre a mesa" ao comparar o seu orzamento co superior das academias vasca e catalá. Así mesmo, avanzou a súa intención de buscar unha implicación máis ampla do conxunto da sociedade galega coa institución.


En declaracións aos medios tras o encontro, Freixanes subliñou o carácter "institucional" e de "cortesía" do encontro da nova directiva da RAG con Feijóo, no que tamén estivo o conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. "Quixemos que a primeira visita institucional fose ao presidente da Xunta", relatou, antes de avanzar que nos próximos días verase co xefe do Lexislativo, Miguel Santalices.


Segundo explicou, a reunión foi "moi cordial" e permitiu "repasar" as necesidades orzamentarias e de estabilidade económica da Academia para proxectos. "Eu sempre digo que a Academia non está para recibir cheques en branco, senón para dar servizos á sociedade galega e ten a obrigación de explicarlle que fai cos recursos que ten, en boa parte públicos", reflexionou.


A continuación, sinalou que se fixo "unha comparación" cos recursos que reciben institucións similares á RAG en Cataluña e en Euskadi, e reflexionou sobre "a necesidade de construír un proxecto de futuro integrador da sociedade civil galega para comprometela cada vez máis co desafío da súa lingua e a súa cultura".


"A lingua é de todos, non é duns poucos. Nin sequera é da Academia, é de todos os falantes e ten uns desafíos importantes para o futuro", proclamou, antes de aludir, por exemplo, á transmisión de pais a fillos ou o uso do galego por parte dos mozos.


MINGUA EN RECURSOS


Freixanes incidiu con especial intensidade na "necesidade de recursos" e lembrou que, desde 2009, "a cultura minguou en recursos un 40 por cento". Coa convicción de que este dato é "moi relevante", argumentou que, ante a crise, "a cultura é sempre a primeira que as paga", unha cuestión que "hai que corrixir entre todos e implicando tamén á sociedade civil, non só ás administracións".


O presidente da RAG constatou "boas intencións" por parte da Xunta que haberá que ver como se concretan "en accións nos próximos meses". Non en balde, repasou os mandatos que ten a institución en relación ao idioma, á literatura e á historia, así como o seu papel á hora de prestar "servizos á sociedade galega" e outras actividades que leva a cabo.


"Saben cantas consultas diarias ten o dicionario da Academia? Son 42.000", recalcou, antes de subliñar que hai que "alimentar" este tipo de actividades e que para iso hai un equipo de profesionais. Engadiu que os académicos non cobran, pero é necesario que haxa persoal cualificado e dotado de recursos para facer o seu traballo.


"Puxemos os números encima da mesa, é dicir, se a RAG non chega a un orzamento dun millón de euros (do que a Xunta achega case 600.000, segundo Freixanes), a Academia vasca ten tres millóns e os cataláns teñen nove millóns. Calquera pode facer unha comparación", detallou, a preguntas dos xornalistas.


Tamén apuntou á "diminución" de recursos desde a crise, pero non só por parte da Xunta senón tamén do Ministerio de Educación. Con todo, en relación ao Goberno, celebrou que a RAG recibe hoxe "as mesmas cantidades que a vasca e a catalá, o cal non é pouco". "Porque ata agora a Academia galega era a pobriña que estaba alá atrás", contrapuxo.


"TOMA DE CONCIENCIA DA SOCIEDADE"


Nesta liña, apuntou "a unha frase que se escoita moito, a de que a Academia ten que facer". "Si, si, pero se á Academia non a dotan de recursos, todo iso é retórica, non serve para nada. E os recursos teñen que saír das administracións públicas, que teñen unha responsabilidade obxectiva, e tamén da toma de conciencia da sociedade", reflexionou.


Preguntado acerca de se a Xunta puxo sobre a mesa algunha oferta concreta para financiar algunha actividade, Freixanes respondeu que iso dependerá tamén da propia Academia. Asegurou que o seu estilo "non é ir pedir".


"Prefiro falar de filosofía, que haxa acordo nela e agora presentar proxectos á Xunta e, insisto moito niso, tamén a outras institucións financeiras e económicas do país. Gustaríame crear unha dinámica na que a sociedade no seu conxunto poida percibir a Academia como algo seu e poida participar", aseverou.


SEN ABORDAR O DECRETO DO PLURILINGÜISMO


Freixanes incidiu en que, durante o encontro, non se abordou o decreto do plurilingüismo, aínda que si se falou "da necesidade de avanzar na construción de espazos de colaboración na sociedade civil en todos os ámbitos, non só no ensino".


Neste aspecto e subliñando que se trata dunha postura "persoal", apelou a tentar "superar a situación a partir de colaboracións cada vez maiores entre todas as institucións e non só entre a Xunta e a Academia".


COLABORACIÓN PARA O DÍA DÁS LETRAS GALEGAS


Pola súa banda, Román Rodríguez destacou que a deste xoves foi "unha reunión cordial", na que se abordaron tamén cuestións de "curto prazo" como a celebración o 17 de maio, Día das Letras Galegas, no que este ano se homenaxea a Carlos Casares, en Xinzo, onde Xunta e RAG traballarán conxuntamente para "potenciar a figura" do escritor.


Sen entrar en detalle, sobre as cuestións a máis longo prazo, o conselleiro sinalou que ambas as institucións "comparten obxectivos vitais e o punto final de todo o proceso, que é dignificar a lingua e a cultura galega".


"Creo que niso estamos na mesma liña de traballo e, obviamente, temos que expor unha senda de colaboración que posibilite que a palabra cooperación entre unha institución vital para a lingua e a cultura como é a RAG e o Goberno galego comparten obxectivos e unha visión, que é dignificar o noso", concluíu.

relacionada Freixanes critica a demagoxia do discurso da "imposición" do galego
relacionada Freixanes critica a demagoxia do discurso da "imposición" do galego

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE