Os apicultores estiman en máis de 15.000 os niños de avespa velutina en Galicia
Insisten en que se aproveiten as épocas de letargo para poñer trampas e alertan da proliferación desta especie en zonas de montaña.
O presidente da Sociedade Galega de Apicultores, Jesús Asorey, alertou de que en 2016 "contabilizáronse tres veces máis niños de avespas velutinas que en 2015", que xa empezan a "colonizar" Galicia, segundo comentou.
Así, cifrou "entre 15.000 e 18.000" os niños destes insectos na Comunidade galega, á vez que fixo especial fincapé en que estes "son os que se avistaron, porque realmente quedan moitos" que non se chegan a detectar.
Asorey concretou que agora as "raíñas" están invernando "e a partir de xullo e agosto é cando empeza o gran ataque sobre colmeas e froitos, e é nos meses de setembro e outubro cando máis se notan os efectos".
Ademais, o presidente da Sociedade Galega de Apicultores precisa que foi "na Mariña (luguesa) onde primeiro empezou, no ano 2012 no porto de Burela e foise estendendo".
Jesús Asorey subliñou que "se dicía que en zonas de montaña tardaría en chegar a velutina, pero xa este ano, a semana pasada atopáronse niños na Fonsagrada".
"Vai estar Galicia toda cuberta, mesmo este ano. Están a poñerse máis trampas, que insistimos en que se poñan trampas para cando saian do letargo e non fagan máis niños", recomendou.
Escribe o teu comentario