Pedro Puy desmarca o PP galego das "denuncias por corrupción"
O portavoz popular no Parlamento liga o seu futuro político ao de Feijóo, aínda que o seu papel podería terminar "mañá ou pasado".
O portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, defendeu o "comportamento exemplar" do presidente do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, xa que en Galicia "non hai denuncias por corrupción". Nunha semana marcada polos casos de corrupción que salpican os populares de Madrid, Pedro Puy, nunha entrevista na Cadena Ser este domingo, remarcou que ten plena confianza no traballo do presidente galego.
"Ata onde eu sei o presidente da Xunta ten un comportamento exemplar. É máis, todo o que está a facer no ámbito xudicial demostra que cando non hai ningún tipo de acusación quere dicir que as cousas se están facendo de acordo co que marca a norma", manifestou.
Con todo, expresou que a corrupción é un problema que afecta "a todos" os partidos políticos, á vez que expresou a súa "confianza" na xustiza.
"CUADRILLA DE BORREGOS"
Na entrevista, Puy tamén foi preguntado polas súas diferenzas co secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, sobre o caso do cartel de entroido da cidade da Coruña polo que está a ser investigado o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande.
"Nas nosas declaracións dixemos que estabamos completamente de acordo co respecto ás actuacións xudiciais, esta foi a reflexión, e o señor Tellado centrouse nunha actuación máis específica da xustiza e eu fixen unha reflexión máis ampla", apuntou.
Nesta liña, asegurou que dentro do PP "as diferenzas non son tantas" porque "en contra do que ás veces se quere dar ou dicir por aí, non é unha cuadrilla de borregos". "Loxicamente todos temos as nosas opinións sobre asuntos concretos. Neste caso ademais non discrepamos tanto", indicou.
FUTURO
Doutra banda, ligou o seu futuro político ao de Feijóo, cuxa decisión de presentarse á reelección ao termo da lexislatura "afecta a todos os que están no seu proxecto".
"En política, xa non digo un ano, pero varios meses é moito tempo e tres anos moitísimo. Agora estamos a pensar noutras cousas en facer ou que toca facer. Ninguén está a pensar nestas cousas. Eu o que entendo é que nin sequera o señor Feijóo sabe se esta será a súa última lexislatura porque hai moitos factores que poden incidir".
Así mesmo, asegurou que o seu papel no "proxecto" é "máis provisional". "Se mañá ou pasado pensan que hai outro mellor, eu non teño inconveniente en deixalo", apostilou.
CARMEN SANTOS
Por último, o portavoz parlamentario do PP na Cámara galega referiuse ao enfrontamento que mantén o seu grupo coa deputada de En Marea e secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, á que os populares non consideran unha "interlocutora válida" por unha polémica xurdida en redes sociais hai dous meses.
Así as cousas, Puy avanzou que o grupo parlamentario do PP abordará este luns nunha reunión a relación con Santos, da que opina que teñen actitude "moi perigosa facendo graves acusacións á vez que pretende negociar propias dunha forma predemocrática de facer política".
Escribe o teu comentario