O SLG presenta alegacións á etiquetaxe dos lácteos
O sindicato reclama que se indique a orixe concreta do leite e mesmo a alimentación do gando e a remuneración aos gandeiros.
O Sindicato Labrego Galego rexistrou este mércores un documento con cinco alegacións ao proxecto de real decreto sobre a etiquetaxe dos lácteos. Solicitan ao ministerio de Agricultura que se indique a comunidade autónoma de orixe, sen fórmulas xenéricas como a proposta de: "países da UE e países de fóra da UE".
Ademais, nun comunicado informan de que as súas alegacións piden un sistema de trazabilidade para mellorar o control, incluíndo no decreto "un sistema de verificación habitual, por parte das autoridades competentes, de todas as entradas e saídas de produtos nas industrias que achegue garantías adicionais para unha trazabilidade total en caso de problemas de seguridade alimentaria".
O SLG lembra que a cidadanía demanda cada vez máis información nos produtos lácteos, "como demostran os resultados dun estudo feito pola Unión de Consumidores de Galicia en colaboración co SLG e UUAA, no que o 97% das persoas enquisadas queren que sexa obrigatorio indicar a orixe na etiqueta".
Destacan, ademais, e inclúeno no seu escrito, que "a inmensa maioría ve necesario incluír datos como a alimentación do gando, a orixe do ingrediente principal, o tipo de procesado e ata a porcentaxe de remuneración que lle corresponde aos gandeiros con respecto ao prezo pagado polos consumidores".
Neste sentido, o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López, destaca que o estudo supón unha "mensaxe clara" de que os usuarios "queren saber de onde vén o que consomen", de forma que "son responsables" e "solidarios co seu territorio".
DECRETO E VISIÓN DE UU.AA. E SLG
Este estudo coñécese mentres está aberto o período de alegacións ao decreto de orixe dos produtos lácteos no que traballa o Ministerio.
Respecto diso, a líder do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, tacha de "totalmente insatisfactorio" e un "engano" para consumidores e produtores o borrador do decreto porque se sopesa incluír só se o leite é procedente de países da UE ou de fóra, pero sen poder saber se é galego.
Pola súa parte, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, remarca que este estudo "destrúe unha máxima" que "era dogma de fe" de que o consumidor "só valora o prezo".
Unións Agrarias tamén pide identificar a procedencia do leite en po e queixos, así como os produtos con composicións de derivados lácteos. En contraposición, destaca que países como Francia e Italia xa teñen a obrigación de incluír a procedencia na etiquetaxe.
Escribe o teu comentario