Os parados de longa duración, os máis desprotexidos polo sistema público de pensións
Así o cren os galegos segundo unha enquisa publicada polo Instituto Aviva e Aviva Vida e Pensións.
Os parados de longa duración constitúen o colectivo máis desprotexido polo sistema público de pensións. Polo menos iso pensan os cidadáns de Galicia, segundo se desprende dunha enquisa publicada polo Instituto Aviva e Aviva Vida e Pensións, na que se analiza a percepción sobre o grao de protección pública que teñen os distintos colectivos.
Ata nove de cada dez enquisados considera que as persoas que se atopan en situación de desemprego de longa duración están desprotexidas polo sistema público para a súa xubilación (94,8%).
Esta cifra é superior á obtida polas persoas ao coidado dos fillos e do fogar (94%), polo colectivo de autónomos (93,1%), polos 'millennials', entre 20 e 35 anos (87,9%), e polo colectivo de persoas con discapacidade, cuxo porcentaxe ascende ao 71,5%.
Ademais, os galegos consideran que aínda existe unha brecha de xénero no sistema público de pensións. De feito, case seis de cada dez estiman que as mulleres traballadoras están desprotexidas (57,8%), case 14 puntos máis que respecto dos homes traballadores (44%).
En palabras do director xeral de Aviva Vida e Pensións, José Luis Calderón, "as conclusións deste estudo son destacables, xa que reflicten a existencia dunha preocupación xeneralizada polo futuro financeiro dalgúns colectivos".
"Esta situación podería reverterse poñendo en marcha máis iniciativas relacionadas coa educación financeira, que informen o cidadán para que poida tomar decisións sobre o seu futuro a tempo", sinala.
Escribe o teu comentario