O cura trasladado de Friol e Guitiriz renuncia ao seu novo destino
O párroco presentou a renuncia formal ante o Arcebispado de Lugo ao polémico traslado "forzoso".
Protesta dos fregueses en Lugo.
José Ramón Pérez, o sacerdote de varias parroquias dos municipios lugueses de Friol e Guitiriz trasladado recentemente a Quiroga, presentou a renuncia formal do seu novo destino ante o Arcebispado de Lugo.
Así o destacou o colectivo veciñal que desde hai semanas realiza manifestacións para reclamar a volta do párroco ás parroquias de Friol e Guitiriz. Este domingo, 150 veciños desprazáronse a Quiroga para arroupar a José Ramón Pérez durante a misa dominical oficiada na parroquia de San Clodio.
Alí, o cura expresou publicamente o seu rexeitamento ao trasladado "forzoso" que, como lembrou o colectivo, "causou un profundo malestar entre a totalidade dos veciños de Friol e Guitiriz".
Unha decisión que consideran que "non ten fundamento algún", polo que reivindican que o Arcebispado dea volta atrás e José Ramón Pérez retorne ás parroquias onde oficiaba misas desde hai anos.
"D. José Ramón fai constar unha vez máis o desacordo coa decisión do Sr. Bispo, xa que no seu momento tamén desmentiu publicamente o comunicado do Bispado onde dicían que o traslado fora acordado co propio párroco, neste pronunciamiento deixa ver que está en contra de exercer noutros lugares que non sexan nas parroquias onde exercía anteriormente", remarcou o colectivo veciñal no seu comunicado.
Escribe o teu comentario