O PP de Vigo replica a Caballero: "O único que boicotea a cidade é el"

"Ninguén é anti-Vigo", di Elena Muñoz, que carga contra o alcalde polas últimas polémicas: "está cego, xordo e mudo".


|

Elenamunozppvigo


O Grupo Municipal do PP no Concello de Vigo replicou este mércores ao alcalde da cidade, o socialista Abel Caballero, ao que advertiu de que "ninguén é anti-Vigo" e que "o único que boicotea o desenvolvemento da cidade é el" pola súa actitude en cuestións como a área Metropolitana, o enfrontamento con Zona Franca, a Universidade ou o Real Club Celta.


Nunha rolda de prensa, a portavoz dos 'populares', Elena Muñoz, criticou que o rexedor está "a facer o ridículo" ao tentar "terxiversar" un auto xudicial que paralizou "a súa Área Metropolitana, o chiringuito que quería facer á súa medida".


"Agora dá mostras de desesperación, e cando non ten argumentos recorre ao insulto", afirmou Muñoz, quen lle pida a Caballero "que teña respecto polas persoas e polas institucións".


Por outra banda, e a preguntas dos medios, referiuse ao conflito entre o goberno local e o Real Club Celta de Vigo, e expresou a súa "preocupación" polo "risco real" de que o club se vaia da cidade, tal e como anunciou o seu presidente, Carlos Mouriño.


Ante ese risco, criticou que Abel Caballero "está cego, xordo e mudo", e reclamou ao goberno vigués "que sente e dialogue" coa entidade celeste, sobre todo porque se están investindo millóns de euros en reformar o estadio municipal para un club que "se cadra se vai".


MÁIS MEDIOS POLICIAIS CONTRA O MACHISMO


O Grupo Municipal do PP no Concello de Vigo reclamou este mércores ao goberno local que dote de máis medios materiais e humanos ao Equipo de Vixilancia e Apoio Policial (EVAP) da Policía Local, dada a importancia do labor que desempeñan e tendo en conta que, nos últimos anos, houbo un incremento de casos de violencia machista.


A portavoz do grupo, Elena Muñoz, destacou o "traballo extraordinario" que realiza esta unidade, composta por cinco axentes e un oficial, que ten que atender a 180 vítimas con medidas de protección (datos de 2016), ademais de miles de xestións cada ano, e atención personalizada ás mulleres.


Muñoz lembrou que, no seu día, a Xunta Local de Seguridade acordou a creación dun grupo de Policía Xudicial no 092 para que puidese tomar a iniciativa e realizar tamén investigacións sobre delitos de violencia machista, pero "ese acordo non se cumpriu".


A portavoz 'popular' reclamou que se cree ese grupo de Policía Xudicial e que se aumente "polo menos" nun 50 por cento o persoal da EVAP, coa previsión de, nos próximos anos, chegar a "duplicar" o número de axentes. "Actualmente a cociente é de un axente por cada 30 vítimas, e a media é dun por cada 20", apostilou.

relacionada O PP censura que Caballero "terxiverse" o auto da Área inventando "unha realidade paralela"
relacionada O goberno de Vigo presume de que o xulgado "lle dá a razón" na Área Metropolitana

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE