O PP censura que Caballero "terxiverse" o auto da Área inventando "unha realidade paralela"
Pídelle "unha reflexión" ante a "contundencia" da resolución e advirte de que criticar ao rexedor "non é criticar a Vigo".
O PP tachou de "intolerable" que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, "terxiverse" o auto xudicial que suspende preventivamente a área Metropolitana, e que supón, en opinión dos 'populares', unha "descualificación completa" da actuación do rexedor olívico.
Así o manifestou en rolda de prensa o deputado autonómico Alberto Pazos, quen foi director xeral de Administracións Públicas da Xunta cando se negociou a modificación da lei da área Metropolitana. "Lamentablemente estamos afeitos a que Abel Caballero falte ao respecto a quen discrepa del, é o seu 'modus operandi'", apuntou.
Segundo sinalou Pazos, "é moi grave que o alcalde sexa incapaz do menor indicio de autocrítica, pero o que é intolerable é que terxiverse de maneira basta o contido do auto e tente enganar aos vigueses".
O deputado subliñou que a resolución do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Vigo é unha "descualificación completa" da actuación do rexedor olívico, quen optou por "unha fuxida cara a adiante, inventando unha realidade paralela" (en alusión ás afirmacións de Caballero de que o auto xudicial lle dá a razón).
Alberto Pazos lembrou que a resolución do xuíz establece que houbo un nomeamento irregular de dous edís, que "se ignorou todo procedemento legal" no nomeamento do presidente da área Metropolitana, e que a integración do bus urbano no transporte metropolitano era 'conditio sine qua non' para a posta en marcha efectiva do ente.
Escribe o teu comentario