Extinguido o incendio de Melón, causado por combustión dun coche
Calcinou un total de 22 hectáreas | Outro incendio en Chaguazoso, no municipio de Vilariño de Conso, foi apagado tras queimar case 30 hectáreas de monte raso.
O incendio forestal declarado na tarde do martes no termo municipal de Melón (Ourense) quedou extinguido este mércores tras queimar unhas 22,05 hectáreas.
Segundo informou a Consellería do Medio Rural, o lume orixinouse na parroquia de Quins sobre as 16,30 horas do martes e quedou definitivamente apagado ás 14,10 horas deste mércores.
Na súa extinción traballaron catro axentes, 11 brigadas, catro motobombas e o helicóptero pasou en catro ocasións.
Medio Rural concretou que este incendio foi provocado pola combustión dun coche que ardeu no quilómetro 259 da autovía A-52, dirección Vigo. O lume neste vehículo, segundo abundou, estendeuse polo monte anexo á autovía.
Por outra banda, concretou que o incendio rexistrado na parroquia de Chaguazoso, no municipio ourensán de Vilariño de Conso, que se apagou esta madrugada, afectou a 29,01 hectáreas de monte raso.
Nos últimos días varios incendios forestais afectaron á provincia ourensá, con lumes en municipios como Lobios, O Irixo, Carballeda de Avia ou Cualedro, entre outros, con centos de hectáreas queimadas.
Escribe o teu comentario