Prohibidas ata novo aviso as queimas agrícolas polo risco de incendio
A previsión para os próximos días é de tempo seco e con refachos de vento.
A Xunta prohibiu as queimas agrícolas e forestais a partir deste luns "ata novo aviso" debido ao risco de que se produzan incendios forestais e ás condicións meteorolóxicas previstas para os próximos días.
A través dun comunicado emitido este domingo, a Consellería do Medio Rural xustificou a decisión en base ás "condicións actuais de vento e as previsións para os próximos días".
Por tanto, os permisos xa concedidos para queimas controladas de restos agrícolas e forestais quedan suspendidas, xa que "as comunicacións e autorizacións de queima carecerán de validez desde o momento da prohibición".
Este domingo, rexistráronse ata catro incendios en varios puntos da comunidade galega que queimaron, polo momento, case 200 hectáreas.
Así as cousas, o Executivo autonómico toma a decisión de prohibir as queimas "unha vez analizados os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de incendio", especialmente ante as previsións de que se produzan fortes refachos de vento.
Ademais, a Consellería do Medio Rural pediu a colaboración da cidadanía para que "extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde esta mañá non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal".
Escribe o teu comentario