A praga da pataca non sae de momento dos 31 concellos afectados
Continúan os controis ao transporte tamén nas zonas "tapón". Agricultura estuda traer o protocolo canario a Galicia e Asturias.
A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, subliñou que estes días continúan os controis ao transporte de pataca para atallar a praga da couza guatemalteca e evitar a súa extensión.
A preguntas dos medios en Santiago, Vázquez remarcou a actuación con "contundencia" da Xunta ante a praga, con controis de transporte que se iniciaron hai uns días e continuarán este mércores e xoves en zonas afectadas e denominadas "tapón", co fin de evitar que saia tubérculo "que poida estar almacenado" e "do que non se teña constancia".
Así mesmo, chamou á solidariedade, e reflexionou sobre que a venda de "20 ou 40 quilos" de pataca non supoñen un gran cambio para o que as vende, "pero o transporte deses 40 quilos de pataca pode infectar outra zona".
Ademais, explicou que existen couceiros por toda a Comunidade galega e, polo momento, segue sen atoparse presenza da praga fóra dos 31 concellos afectados. A isto únese a información que se está distribuíndo entre produtores a través de dípticos.
O PROTOCOLO CANARIO
A ministra de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, asegurou que espera concluír as negociacións coa Unión Europea para que esta acepte o protocolo desenvolvido en Canarias para a eliminación da couza guatemalteca e permita de novo a exportación da pataca canaria fóra das illas, incluído o resto do territorio nacional.
García Tejerina respondeu así á deputada de Coalición Canaria, Ana Oramas, quen no pleno de control ao Goberno preguntou á ministra por este problema. A deputada explicou que ese protocolo atopado en Canarias é froito da investigación e asegura "a desinfección da papa con couza guatemalteca para que poida ser exportada". Foi desenvolvido polo Goberno de Canarias en colaboración co Cabildo de Tenerife e a Universidad de la Laguna.
Pero o protocolo ten que ser aprobado pola Unión Europea para que Canarias o poida utilizar, así como tamén Galicia e Asturias, interesadas en aplicalo porque tamén teñen problemas con esta couza.
Oramas pediu á ministra que poida estar listo para xuño, que é cando se instalará a primeira cámara de tratamento para as patacas por parte do Cabildo de Tenerife.
Escribe o teu comentario