A oposición urxe un plan de saúde mental, a "irmá pobre" da sanidade pública
O PSdeG reclama recursos e reprocha que Sanidade prefira "non ter un plan" que utilizar o elaborado polo bipartito.
En Marea, PSdeG e BNG urxiron á Xunta a posta en marcha dun novo Plan de Saúde mental con "recursos suficientes" para que esta rama "deixe de ser a irmá pobre" da sanidade pública ao que o PPdeG replicou que a Consellería de Sanidade xa traballa con expertos "sen présa pero sen pausa" na elaboración deste plan para o período 2017/2020.
A moción, que foi rexeitada cos votos en contra do PPdeG, foi defendida pola deputada de En Marea Eva Solla, quen tamén reclamou a activación doutro plan para a prevención do suicidio así como avaliar a situación das persoas trasladas dos antigos psiquiátricos para situalas en servizos que conten coa atención necesaria.
Así mesmo, solicitou á Xunta que reforce a unidade de hospitalización infanto xuvenil do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), que deseñe este ano outra destas características na zona sur de Galicia e que realice unha planificación para incrementar os profesionais na saúde mental.
A moción de En Marea contou co apoio do PSdeG e BNG, quen coincidiu na necesidade de prestar unha especial atención a esta rama sanitaria. Así, o socialista Julio Torrado pediu ao Goberno galego "planificación e recursos".
"A planificación pasa por ter un plan", manifestou Torrado, que criticou que debido a que non é do "gusto da Consellería", Sanidade prefira "non ter un plan" que utilizar o elaborado polo bipartito para o período 2006/2011.
Ademais, tamén pediu que se acheguen "recursos ao sistema" ao coincidir en que a saúde mental "non debe ser a irmá pobre" senón unha rama "con toda a lexitimidade das demais", especialmente ante a "importancia relativa grave" adquirida ante a crise económica.
"CHAMADAS DE ATENCIÓN"
Pola súa banda, a parlamentaria nacionalista Montse Prado tamén destacou o apoio do seu grupo a esta moción ao considerar que "a deterioración progresiva no que se atopa a saúde mental en Galicia foi obxecto de múltiples chamadas de atención".
"Profesionais, colectivos e organizacións políticas alertaron de cal era a situación da saúde mental, unha gran damnificada polos recortes en materia sanitaria", sinalou para pedir a dotación dos recursos e profesionais suficientes para garantir un dereito aos usuarios.
"O plan do PP é non ter un plan, porque se non teñen un plan, non tes que dar contas do que non existe", apuntou.
POSTURA DO PP
Pola súa banda, o deputado do PPdeG, Aurelio Núñez, sinalou que o plan de saúde mental 2017/2020 é un "compromiso de PP" no que a Xunta xa traballa "sen présa pero sen pausa" como tamén o fai, xunto a expertos, para o desenvolvemento dun plan de prevención do suicidio en Galicia.
Ademais, o parlamentario popular asegurou que a unidade de hospitalización infanto xuvenil do CHUS conta cos servizos e o persoal adecuados e destacou que a implantación doutra na zona sur "está en fase de consulta". "Todo é mellorable pero apoiamos o traballo da Consellería nos plans citados", indicou.
Escribe o teu comentario