O Deportivo da Coruña prepara o seu asalto ao ascenso a Primeira...sen saber si poderá xogar en Castelló
Os avisos por temporal no Levante, con ventos de 140 km/h, pon en dúbida a disputa do partido entre o segundo e o terceiro clasificado.
Castalia prepárase para acoller un partido con aire a Primeira División. O Castelló, segundo clasificado con 45 puntos e un dos equipos máis en forma da categoría, recibe este domingo ao Deportivo da Coruña, que busca asaltar o segundo banzo da táboa e dar un golpe na mesa na clasificación, coar nos postos de ascenso directo. Un duelo ao grande, con reminiscencias de vellas rifas entre un e outro equipo, e que será o prato forte da xornada en Segunda...si é que se xoga.
ALERTA VERMELLA POR VENTO
O partido está agora mesmo na corda frouxa por razóns que nada teñen que ver co deportivo, senón coa seguridade dos xogadores e os espectadores que pretenden encher as tribunas de Castalia, con capacidade para máis de 15.000 incondicionais.
As previsións a esta hora do venres non son as mellores e en Castelló hai activada unha alerta vermella polas condicións meteorolóxicas adversas nesa parte do Levante español, tanto no interior da provincia como na costa, durante a xornada do sábado. O nivel vermello por vento fala de refachos que poden alcanzar os 140 km/h, o que dificultaría non só a práctica do balompé, senón a chegada dos afeccionados ao estadio co risco que iso entraña.
Os fenómenos meteorolóxicos tamén comprometen a chegada do Deportivo á Comunitat Valenciana. A semana pasada xa foi suspendido o duelo entre o Ceuta e o Córdoba e o partido entre Cádiz e Almería tivo que ser aprazado do sábado ao domingo. A pesar destes antecedentes, e aínda que o paso de Oriana mantén en alerta a distintas comunidades, o Deportivo da Coruña non varía, polo momento, o seu plan de viaxe, aínda que coa incógnita de si poderán sequera aterrar en Castelló.
En calquera caso, a decisión final talvez non se coñeza até horas antes do partido, cando as autoridades poidan ter unha valoración máis precisa de si a celebración do encontro, programado para as 21 horas, pode entrañar algún risco tanto para os deportistas como para a inchada, tendo en conta que nestes momentos o parte meterológico do domingo rebaixa o nivel de alerta de vermello a laranxa na provincia castellonenca.
Escribe o teu comentario