O cambio de hora aforra en Galicia un 0,4% do consumo eléctrico
Afecta sobre todo ao ámbito familiar, xa que no industrial, a esctructura de produción mantense con independencia do horario.
A Consellería de Economía, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), destacou que o cambio de hora desta fin de semana --co arranque do horario de verán, na madrugada do sábado ao domingo os reloxos adiantáronse unha hora-- representa un aforro potencial de enerxía en iluminación estimado no 1 por cento para o sector doméstico e do 3 por cento para o sector servizos, alcanzándose unha diminución no consumo eléctrico total de Galicia próximo ao 0,4 por cento.
A Xunta incide en que o aforro motivado polo cambio de hora repercutirá sobre todo no ámbito familiar, xa que no industrial, a estrutura de produción mantense de forma constante, con independencia do horario.
Este cambio de hora permite un maior aproveitamento das horas de luz, o que supoñerá empregar a luz solar para a realización de distintas actividades durante o día, rebaixando deste xeito os consumos enerxéticos. Para alcanzar este potencial de aforro é preciso levar a cabo un uso racional e responsable da enerxía a través de pautas sinxelas, como prescindir da luz artificial cando non é estritamente necesaria.
Tamén usar tecnoloxías de aforro de baixo consumo, instalar sensores que apaguen ou regulen a iluminación artificial, ou ben optar pola renovación de xanelas para evitar a fuga de calor.
A Xunta destacou que, pola súa banda, ten en marcha o 'Plan de vivenda' a través do que se fomenta o uso de fontes de enerxías renovables e a mellora das infraestruturas para que os galegos dispoñan de fogares máis eficientes.
Escribe o teu comentario