Detido un empresario que falsificou a firma do alcalde de Becerreá para cobrar unhas obras que non executou
O home enviou unha certificación das obras presuntamente executadas por valor de 11.600 euros con cargo a esa adxudicación, que xa lle fora suspendida.
A Garda Civil detivo un veciño de Ponferrada de 38 anos por presuntos delitos de usurpación de identidade, falsificación de documento mercantil e estafa bancaria por falsificar a firma do alcalde de Becerreá (Lugo), Manuel Martínez, para cobrar por unhas obras que non executou.
O empresario recibiu a adxudicación dunhas obras polas que o concello recibía unha subvención da Xunta de Galicia. En tanto que pasaba o tempo e as obras non arrincaban, o goberno local constatou que o empresario carecía de medios e recursos para executalas e retiroulle a adxudicación.
Con todo, o home enviou unha certificación das obras presuntamente executadas por valor de 11.600 euros con cargo a esa adxudicación, que xa lle fora suspendida.
Nese documento aparecía a firma do alcalde de Becerreá "falsificada", polo que Martínez presentou unha denuncia que desembocou na detención do empresario.
O rexedor explicou que o obxectivo do Concello é recuperar o diñeiro que perdeu da subvención da Xunta de Galicia, que ascendía a 70.000 euros, "para resarcir as arcas municipais desa perda". Con tal fin, avanzou que continuarán co procedemento xudicial.
Escribe o teu comentario