Peinador asegura que non hai "rivalidade" entre os aeroportos galegos
A directora da terminal viguesa afirma que desde os aeródromos "non entendemos esa rivalidade en Galicia".
A directora do aeroporto de Peinador, Noelia Martínez, asegurou que non hai "rivalidade" entre as tres terminais galegas. "Non temos rivalidade nin entendemos esa rivalidade en Galicia", sinalou.
A directora do aeroporto vigués pronunciouse deste xeito nunha entrevista concedida á Radio Galega, na que destacou que os responsables das tres terminais galegas traballan para conseguir para os viaxeiros comodidade e facilidade.
Na súa intervención, Noelia Martínez subliñou que Peinador aumentou as súas rutas e asegurou que os índices de ocupación foron "moi bos", ata chegar case a un millón de pasaxeiros, con subidas dun 20 e un 30 por cento nalgúns meses. Entre esas rutas, citou Dublín, Milán, Boloña e Edimburgo.
Deste xeito, tras mostrarse satisfeita co sucedido o ano pasado, esperou seguir subindo no verán, ata conseguir o millón de pasaxeiros.
NEGOCIOS
A responsable do aeródromo vigués mostrou tamén o seu desexo de aumentar o servizo para os pasaxeiros de negocios, sobre todo nas rutas a Madrid e Barcelona.
Sobre esta cuestión, asegurou que "se nota a saída da crise" xa que, no mundo dos negocios, "volven viaxar", cunha "recuperación destes voos".
Ademais, preguntada polo aeroporto portugués de Sá Carneiro, Noelia Martínez lembrou que se trata da segunda terminal "dun país" mentres que Peinador representa "unha autonomía". "Trátase dun asunto de oferta e demanda", manifestou.
Escribe o teu comentario