Denuncian á xerencia do CHUAC e do CHUS ante a Fiscalía pola espera de pacientes nos corredores

Cuestionan a utilización dos corredores como dependencias de atención sanitaria cando son estancias de paso, e achacan estas situacións aos "recortes en persoal e servizos"


|


Urgenciascolapso

A coordinadora antiprivatización da sanidade pública da Coruña presentou este venres unha denuncia ante a Fiscalía Provincial contra as xerencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e do de Santiago (CHUS) en relación á espera de pacientes nos corredores destes dous hospitais.


En declaracións aos xornalistas, ante a sede da Audiencia Provincial, José Miguel Rodríguez, membro da coordinadora, denunciou a situación "irregular" destes dous hospitais galegos en relación coa espera de enfermos nos corredores.


Para esta plataforma, esta situación, que se repite tanto no hospital da Coruña como no de Santiago, "viola regulamentos autonómicos e estatais". En concreto, as propias recomendacións aprobadas pola comisión central de seguridade e saúde do Sergas e tamén en materia de prevención de riscos laborais.


"Uns gobernos que nos están lembrando que temos que cumprir a lei, non podemos permitir que a salten eles todas as veces que desexen", afirma Rodríguez.


Por iso, presentarán a denuncia correspondente para conseguir que "se cumpra a lei" e acabar con imaxes de pacientes esperando nos corredores dos hospitais, unha situación que se produce "cando hai camas baleiras e profesionais que se poden contratar na lista do Sergas".


DELITO CONTRA O DEREITO DOS TRABALLADORES


Segundo explicou o avogado Antonio Vázquez, a denuncia formúlase por un delito contra o dereito dos traballadores. "Entendemos que hai uns plans de seguridade dentro das instalacións sanitarias, o que impide que poden estar nos corredores cadeiras de rodas ou padiolas, que poden obstaculizar as saídas de evacuación en caso de emerxencia", asegurou.


Vázquez comentou que nestes casos utilízanse os corredores como dependencias de atención sanitaria cando son estancias de paso. Situacións que, din, prodúcense todo o ano "debido aos recortes en persoal e servizos".


SERVIZO DE "ALTA CALIDADE"


Mentres, pola súa banda, en declaracións aos medios de comunicación en Santiago, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, defendeu a "alta calidade" da sanidade galega e chamou a "situar cada cousa en cada cousa".


"Hai xente que trata de chamar a atención para facer outro tipo de cousas que non son as que nos preocupan a nós, que é dar o mellor servizo aos cidadáns", dixo o conselleiro.


Vázquez Almuíña asegurou que "a sanidade pública galega é unha sanidade de alta calidade", á vez que indicou que este servizo "adáptase ben aos picos". "Neste momento non é un momento de picos, e adáptase a unha demanda que non é planificada", engadiu.

relacionada Sanidade substituirá o xerente do Chuac polo do Chus
relacionada SOS Sanidade Pública, ante os colapsos: "Non é a gripe, son os recortes"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE