Chega ás librarías unha novidosa biografía de Rosalía de Castro con material inédito

Galaxia vén de lanzar 'Rosalía de Castro a biografía definitiva. O retrato dunha muller libre e independente', de María Xesús Lama.


|

Rosaladecastrobiografiagalaxia


A Editorial Galaxia vén de lanzar o primeiro volume dunha novidosa biografía da máis grande escritora das nosas letras, asinada pola profesora da Universidade de Barcelona e experta en Rosalía, María Xesús Lama.


Segundo a editorial, este libro amósanos unha imaxe "inédita" de Rosalía de Castro, unha muller libre e independente, nunha biografía "moi documentada e que conta con abondoso material inédito que reafirma esta imaxe e a afasta doutras construcións que se teñen feito da autora de Cantares Gallegos".


A Editorial Galaxia publica na colección Grandes Biografías o primeiro dos dous volumes da biografía de Rosalía de Castro escrita por María Xesús Lama, profesora de Estudos Galegos na Universitat de Barcelona e editora da obra da poeta. Este primeiro volume abrangue dende o seu nacemento ata 1863, ano da publicación de Cantares gallegos.


Cun "enfoque novidoso e un pulo investigador" que converte a lectura nunha "pescuda apaixonante na vida da autora de Follas novas", este primeiro volume repasa os feitos chave da infancia e formación de Rosalía de Castro. Desvélase aquí a orixe acomodada e urbana dunha rapaza que medra gozando do ocio e benestar da súa clase, desmóntase a teoría do trauma da orixe e aclárase de xeito incuestionable o asunto da paternidade


Tamén se cuestiona a mediación de Murguía no acceso ao mundo cultural por parte de Rosalía e no seu emprego do galego como lingua literaria, indágase nos motivos da súa viaxe a Madrid e ofrécese un retrato poliédrico da autora, lonxe dos tópicos e das sucesivas "simplificacións" da súa figura.


Deste xeito, este primeiro volume amósanos á nena curiosa que xoga no eixido dunha casa de vila, á adolescente inqueda e con soños de artista, á rapaza atrevida disposta a construír unha vida independente, á lectora febril que ferve de ideas revolucionarias, á escritora consciente do seu talento e disposta a saír á praza pública... Unha imaxe de Rosalía ata o de agora inédita que nace dun "traballo de rigorosa pescuda bibliográfica", indica Galaxia nun comunicado.


SOBRE A AUTORA 


María Xesús Lama (Lugo, 1964) estudou Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela (1987) e doutorouse na Universitat de Barcelona (2002), onde agora imparte docencia, cun traballo sobre a apropiación dos materiais lendarios celtas e da materia de Bretaña na literatura galega contemporánea. 


A súa investigación céntrase na interrelación entre o proceso de construción nacional e a literatura en Galicia, prestando especial atención á vida e a obra de Rosalía de Castro como escritora fundacional, labor á que se vén sumar agora este estudo biográfico.

relacionada Máis de dous millóns de pasaxeiros viaxarán no avión de homenaxe a Rosalía de Castro

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE