Interceptado un condutor a 204 km/h nunha zona limitada a 100 en Lousame
Ao exceder a velocidade máxima permitida nesa vía en 104 quilómetros por hora, ao condutor investígaselle por un suposto delito contra a seguridade do tráfico.
Axentes do Destacamento de Tráfico de Santiago de Compostela interceptaron no municipio coruñés de Lousame a un condutor que circulaba a 204 quilómetros por hora nun tramo limitado a 100.
Segundo informou a Comandancia da Garda Civil da Coruña, o mércores procedeuse á investigación dun individuo que foi detectado en Lousame ao volante de BMW "duplicando a velocidade permitida para a vía pola que circulaba".
En concreto, ás 17,30 horas do mércores un turismo foi detectado por un radar da Agrupación de Tráfico da Garda Civil mentres circulaba a unha velocidade de 204 km/h nun tramo da vía de alta capacidade CG-1.5 (Brión-Noia) onde o límite se establece en 100 km/h.
Ao exceder a velocidade máxima permitida nesa vía en 104 quilómetros por hora, ao condutor investígaselle por un suposto delito contra a seguridade do tráfico.
O home, de 38 anos e veciño de Boiro (A Coruña), enfróntase a unha pena de prisión de tres a seis meses, multa de seis a doce meses ou traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días, segundo apuntan as mesmas fontes.
En calquera caso, segundo concreta a Benemérita, ese delito leva a privación do dereito para conducir vehículos a motor e ciclomotores por "tempo superior a un e ata catro anos".
Escribe o teu comentario