Feijóo, empeñado no seu feminismo 'sen siglas' nun pleno bronco con alusións a Baltar

BNG e En Marea recriminan a Feijóo que manteña a Baltar á fronte da Deputación | Leiceaga pide a concesión do teletraballo | O presidente anuncia a aprobación do plan galego de igualdade de oportunidades.


|

AnapontonparlamentoplenoigualdadepreguntasaopresidenteAna Pontón durante a súa intervención no Pleno // @noaourense


Feijóo volveu incidir no seu 'feminismo sen siglas' e reivindicou os logros do executivo galego esta mañá durante unha sesión de control do executivo centrada nas políticas de igualdade con motivo do Día Internacional da Muller.


Nun pleno non exento de polémica por un famoso chío de Carmen Santos polo que os populares acusan de 'calumnias' á secretaria xeral de Podemos Galicia e deputada de En Marea, Feijóo avanzou novas medidas, como a aprobación do sétimo plan galego de igualdade de oportunidades e o impulso da formación en igualdade e prevención na loita contra a violencia machista na Xunta.


Feijóo pediu a unha oposición moi crítica --sobre todo BNG e En Marea, mentres que PSdeG se mostrou máis conciliador-- non "romper o acordo" do paquete de medidas acordadas na Cámara autonómica para incorporar ao pacto de Estado contra a violencia machista e que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, defenderá no Senado mañá.


O PSdeG PIDE A CONCESION DO TELETRABALLO


O primeiro en tomar a palabra foi o portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leicega, que pediu ao presidente galego que acabe co 'piso de barro e o teito de cristal' que sofren as mulleres, posto que só o Executivo galego pode "corrixilo", engadiu. "Non depende de ninguén máis que de vostede", remachou Leicega, en alusión a que Feijóo faga uso da Secretaría Xeral de Igualdade, dependente de Vicepresidencia, para acabar coa discriminación contra as mulleres.


Ademais, o portavoz socialista pediu que Feijóo leve a cabo a concesión de teletraballo, á que asegurou "o seu concelleiro é remiso", e asegurou que esta medida permitiría unha mellor conciliación de vida laboral e familiar ás familias galegas.


PONTÓN RECLAMA COMPROMISO EN TRES EIXOS


Pola súa banda, a portavoz nacionalista Ana Pontón, empezou a súa intervención facendo un recoñecemento ás mulleres "que loitaron contra o patriarcado" e engadiu que "o feminismo é máis necesario que nunca", que a portavoz da formación frontista exemplificou "coa impunidade" das palabras pronunciadas polo eurodeputado polaco Janusz Korwin-Mikke, que durante unha sesión parlamentaria defendeu a brecha salarial entre homes e mulleres e protagonizou unha liorta coa parlamentaria socialista Iratxe García.


A continuación Pontón referiuse ao presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, para censurar que o PP "o manteña no cargo" mentres está a ser xulgado por acoso sexual e por ofrecer un posto no organismo provincial "a cambio de sexo". Tamén reprobou que Feijóo durante a pasada fin de semana pedise "non politizar a loita pola igualdade", e preguntou retóricamente ao presidente "se este non é un asunto político, que é? Un accidente xeográfico? Un fenómeno meteorolóxico?".


A formación frontista pediu a través do seu portavoz que Feijóo se comprometa en tres eixos que Pontón resumiu en "non amparar a quen acosa" --en alusión velada ao presidente provincial de Ourense--, non financiar "os centros que segregan por sexo" e non contratar a empresas que "están condenadas por acoso sexual ou laboral".


A esta intervención, Feijóo respondeu que o seu goberno cre no "feminismo sen etiquetas", e incidiu en que a desigualdade non é un problema "das mulleres", senón "de todos". O xefe do Executivo galego volveu defender, como xa fixo en ocasións anteriores, un "feminismo inclusivo" que el define como un "feminismo sen siglas, sen división e sen ideoloxías".


NOVA LIORTA POLO TUIT DE SANTOS


A refrega máis forte do pleno chegou coa intervención do portavoz de En Marea, Luís Villares, que tamén fixo referencia a Baltar e pediu a Feijóo que leve a cabo a igualdade "material", dado que "no papel xa existe desde fai corenta anos", á vez que reprobou que o Goberno central destine á violencia machista un orzamento máis baixo do necesario en base a un número de asasinatos que non se corresponde coa realidade.


Na súa quenda Feijóo declinou contestar as preguntas do deputado aludindo a un chío de Carmen Santos --Hoxe todas na loita feminista. Reivindicamos que non nos asasinen señores do @ppdegalicia. Politizades con pasividade?— que desde o executivo interpretan como "unha falta respecto ao grupo e ao goberno" e un "erro imperdoable" a pesar de que En Marea xa explicou que se trata dun erro gramatical pola falta dunha coma antes de "señores do @ppdegalicia".


Villares recriminou a Feijóo que eluda a súa "función constitucional e estatutaria" non respondendo as preguntas da oposición onde, prognosticou, "nuns anos estarán vostedes".


O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, que moderaba o debate parlamentario, tivo que pedir orde en numerosas ocasións e ameazou ao deputado Antón Sánchez con "chamar á autoridade" polas súas repetidas interrupcións. Os deputados de En Marea acusaron a Santalices de parcialidade por non chamar á orde entre as alborotadas filas dos deputados populares.


Ao finalizar a sesión o presidente do Parlamento leu unha declaración institucional con motivo o Día Internacional da Muller

relacionada Sociedade, institucións e empresas galegas involúcranse na celebración do Día da Muller
relacionada Feijóo: "Unha muller pode pensar o que queira, vestir como queira, dicir o que queira"
relacionada O PPdeG esixe unha rectificación de Carmen Santos por un tuit sobre a violencia machista

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE