O Parlamento reclama outra vez de forma unánime o traspaso da AP-9

De portas para dentro, a oposición manifesta duras críticas cara ao PP por "regalar a prezo de amigo" a autoestrada a Sacyr en 2004.


|

Autopistacarretera


A votación da nova proposición de lei que sairá do Parlamento galego cara ao Congreso dos Deputados en demanda do traspaso da Autoestrada do Atlántico (AP-9) á comunidade concluíu sen sorpresas e os catro grupos con representación no Pazo do Hórreo (PP, PSdeG, En Marea e PSdeG) apoiaron a proposta. Con todo, durante o debate, os populares non puideron esquivar as duras críticas da oposición, sobre todo de En Marea e BNG.


Así, Antón Sánchez (En Marea) afeou "o mal negocio" que en 2004 fixo o PP ao "regalar a prezo de amigo" esta infraestrutura a Sacyr Vallehermoso, "un dos doadores que aparece nos papeis de Bárcenas". "Sacyr vendeuna despois a Citigroup e obtivo, sen unha soa mellora na vía, 1.000 millóns de plusvalía. Se iso non é corrupción, non sei que o é", aseverou.


Sánchez esgrimiu que o seu grupo non se fía dos populares, como tampouco o fai o BNG. De feito, Ana Pontón advertiu que os nacionalistas esperan que esta vez "se respecte o pobo galego" e non haxa cambios de postura por parte dos populares en Madrid, nin o Goberno que dirixe Mariano Rajoy "dea unha nova portada ao traspaso con mentiras e falsidades".


E é que neste mes febreiro, a Comisión de Fomento do Congreso dos Deputados aprobou unha iniciativa de En Marea transaccionada co PSOE que instaba o Goberno a acometer o traspaso desta infraestrutura estratéxica para Galicia. A proposta saíu adiante con 20 votos a favor (En Marea, PSOE, ERC, PNV, Compromís e EH Bildu) e os 17 en contra do PP e Ciudadanos.


A forza ruturista presentara esta proposta en comisión en Madrid despois de que o Goberno vetase en outubro o debate doutra lei que contaba co respaldo unánime de PPdeG, En Marea, PSdeG e BNG no Hórreo. En Galicia, os catro grupos prepararon un novo texto no que retiran os puntos nos que o Executivo sostiña o seu veto e que é o que saíu aprobado este martes.


En concreto, na nova proposta galega retirouse o prazo máximo de seis meses para o traspaso efectivo da citada autoestrada e ponse por escrito --nunha disposición adicional-- que o cambio de titularidade non supoñerá ningún incremento dos créditos nin diminución dos ingresos previstos nos orzamentos estatais en vigor.


O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, defendeu a nova proposta e subliñou que a AP-9, "con deficiencias e insuficiencias", pode xestionarse "mellor" desde Galicia. A pesar das críticas recibidas e tras constatar as "diferenzas" que hai entre os grupos, o popular Martín Fernández Prado puxo en valor a postura "unánime" que sae este martes do Hórreo e que "axudará" --augurou-- á súa tramitación en Madrid.

relacionada Tellado, sobre o traspaso da AP-9: "Non é unha demanda soberanista"
relacionada Galicia volverá pedir de forma unánime o traspaso da AP-9
relacionada Galicia confía en salvar o veto a debater en Madrid sobre a AP-9

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE