As rúas claman por que "todas as mulleres sexan donas da súa vida"

Centos de persoas apoian en Santiago a convocatoria unitaria de numerosos colectivos feministas.


|

Feminismomujeresmanifestacion


Centos de persoas saíron ás rúas de Santiago na mañá do domingo para reclamar "menos discursos e máis recursos" en materia de Igualdade para facer que as mulleres sexan dunha vez "cidadás de primeira".


A marcha, que partiu da estación de ferrocarril da capital galega pasadas as doce do domingo, foi convocada de forma unitaria por numerosos colectivos feministas de toda Galicia.


Ao berro de "menos discursos e máis recursos" ou "nin unha máis, nin unha menos", varios centos de persoas reclamaron a fin da fenda socioeconómica entre mulleres e homes, así como o impulso de políticas efectivas para acabar coa violencia machista.


Na manifestación tamén participaron varios representantes da política galega, como a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, ou a secretaria xeral de Podemos Galicia e deputada na Cámara galega, Carmen Santos.


Tras percorrer as rúas do Ensanche compostelán, a marcha entrou no centro histórico da capital galega. A Praza da Quintana foi a última de parada da manifestación, que se pechou coa lectura dun manifesto por parte de varias mulleres "vítimas da discriminación machista".


"NON ESTAMOS TODAS, FALTAN AS MORTAS"


Neste, sentenciaron que "están fartas de que as maten por ser mulleres" e repetiron o lema empregado ao longo da protesta "non estamos todas, faltan as mortas".


Neste sentido, as portavoces dos colectivos lembraron que "ao ano, máis dun cento de mulleres son asasinadas polo terrorismo machista no Estado español".


Así mesmo, desde a organización, desvinculáronse dalgúns actos vandálicos que, aparentemente, tiveron lugar ao longo da manifestación. "Non é responsabilidade das convocantes", aseguraron.


PARO FEMININO O 8 DE MARZO


Da mesma forma, fixeron un chamamento ao seguimento do paro laboral feminino para o próximo 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Esta protesta, segundo informaron, será secundada en diversos puntos de países latinoamericanos.


Tamén aproveitaron este manifesto para "denunciar a violencia" dos micromachismos, a "cosificación" dos corpos, a precariedade laboral e todos os obstáculos que teñen as mulleres para construír os seus proxectos.


"Facemos un chamamento para que todas as mulleres sexan donas da súa vida", afirmaron. A isto engadiron que, aínda que "o heteropatriarcado as queira sumisas e caladas", elas "levan séculos gritando e loitando" e seguirano facendo ata que o derruben.

relacionada Colectivos feministas unen forzas este domingo en defensa do empoderamento da muller
relacionada O audiovisual galego reivindica máis protagonismo feminino
relacionada Paz Battaner, nova académica da RAE: "É necesario feminizalo todo, non só a RAE"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE