Vítimas do Alvia: "Foi en Europa onde logramos que nos traten como cidadáns"
A Plataforma Vítimas Alvia 04155 conseguiu reunir máis de 1.100 firmas para que a comisaria europea de Transportes os reciba durante a súa estancia en Madrid.
As vítimas do accidente ferroviario ocorrido en Santiago de Compostela en xullo de 2013 agrupadas na Plataforma Vítimas Alvia 04155 reuniron máis de 1.100 firmas para pedir que a comisaria europea de Transportes, Violeta Bulc, os reciba durante a súa estancia en Madrid este luns e martes, días 6 e 7 de marzo.
A través da plataforma 'Change.org', lembran que hai uns meses a propia Comisión Europea deulles a razón ao publicar un informe no que se dicía que "a investigación que se fixo en España non era independente" e que "había moitas preguntas aínda sen responder". Por iso, piden á comisaria que os reciba e esixa esta análise independente.
"Merecemos saber que ocorreu", sinala a plataforma que reúne ás vítimas do accidente no que morreron 80 persoas e máis de 140 resultaron feridas. Ademais, móstrase "moi agradecida" á Comisión Europea e á Axencia Europea Ferroviaria por "facer este informe". "Foi en Europa onde conseguimos que nos traten como verdadeiros cidadáns", asegura.
No texto da petición, ademais, lembra que o propio Parlamento Europeo instou á Comisión a solicitar esta investigación independente. "Por iso pedimos á comisaria europea de Transportes, a señora Violeta Bulc, aproveitando a súa estancia en Madrid os días 6 e 7 de marzo, que nos reciba e nos diga como vai levar a cabo esa investigación", sinala.
Por último, a plataforma volveu a mostrar a súa confianza en Europa. "Estamos seguros de que se nos vai a seguir tratando como verdadeiros cidadáns. A verdade do accidente e a nosa seguridade está nas súas mans", conclúe.
Escribe o teu comentario