Detido mentres agredía á súa ex parella coa bebé da vítima en brazos
Os feitos sucederon a escasos metros da comisaría de Lugo, polo que os axentes puideron proceder á detención "en segundos".
A Policía Nacional vén de deter un home que agredíu á súa ex parella a escasos metros da Comisaría de Lugo coa bebé de 18 meses da vítima en brazos.
Segundo informa a Policía Nacional, os axentes observaron os feitos a través das cámaras de videovixilancia da comisaría e detiveron "en cuestión de segundos" ao agresor, que sostiña en brazos a unha bebé de 18 meses, filla da vítima.
Os feitos ocorreron na madrugada do mércores 1 de marzo, cando un coche estacionou nas inmediacións da Comisaría Provincial de Lugo e un home e unha muller saíron do mesmo. Nun momento dado, ela iniciou unha carreira cara á porta de comisaría, pero detívose e virouse para volver cara ao vehículo.
Os axentes que estaban esa noite realizando labores de seguridade do edificio, segundo o relato policial, "seguían atentamente os movementos da parella pola cámara de videovixilancia". Así puideron observar como o home sacou do vehículo a unha nena de pouca idade para cruzar a rúa con ela en brazos.
Entón, o home introduciuse coa pequena nunha galería que dá acceso a un edificio de vivendas e a muller seguiu os pasos do home. Cando esta se atopaba xunto ao canellón, "unha man agarrouna do pelo, tirando dela cara a dentro", segundo concreta a Policía.
En apenas 20 segundos, os axentes chegaron ao lugar e reduciron de inmediato ao agresor, que foi detido, segundo confirmaron as mesmas fontes policiais.
ORDE DE AFASTAMENTO
Sobre o arrestado había unha orde de afastamento en vigor previa cara á vítima, a súa ex parella. Ademais, o mesmo conta con antecedentes penais.
A autoridade xudicial decretou o ingreso en prisión do individuo en relación con estes feitos.
Escribe o teu comentario