A Xunta espera poder convocar oposicións en máximo "catro semanas"
O director xeral de Función Pública, José María Barreiro, defende supeditar as oposicións á aprobación dos PGE.

O director xeral de Función Pública, José María Barreiro, deu conta este venres de que o Goberno galego xa "está a preparar" a oferta de emprego público para o ano en curso e confirmou que espera que poidan convocarse nun prazo máximo de "catro semanas".
En comisión parlamentaria, o alto cargo de Facenda indicou que o Goberno central está "negociando" o incremento da taxa de reposición cos sindicatos e os grupos parlamentarios, de modo que unha vez perfilado, Galicia fixará o seu número de prazas.
"Estamos pendentes de que se chegue a un acordo que nos permita publicar a oferta de emprego con todas as garantías", respondeu ao deputado do BNG Luís Bará, quen previamente criticara que a convocatoria se "supedite" a decisións estatais "cando non ten por que" ser así.
En cambio, Barreiro defendeu ese criterio, para evitar que a oferta galega poida ser recorrida polo Estado e teña que ser "suspendida". "Crearía inseguridade xurídica e frustración nos opositores", salientou.
Así pois, apelou a "esperar" a ver que ocorre cos orzamentos estatais para publicar a convocatoria "de inmediato" unha vez estea resolto. De feito, apuntou, xa comezaron tamén as negociacións cos sindicatos.
Feijóo insiste en que "haberá oposicións" en educación se hai acordo co PSOE
Escribe o teu comentario