BNG e En Marea piden a Feijóo que non acepte o bloqueo ás oposicións docentes
O Goberno central avisou ás comunidades de que, mentres non se aproben os Orzamentos Xerais do Estado, non se poderán convocar oposicións.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, solicitou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "manteña" as oposicións docentes e "non acepte a imposición" do ministro de Facenda e Función Pública, Cristóbal Montoro.
E é que este mércores o Goberno central avisou ás comunidades autónomas de que non poden convocar oposicións docentes este ano ata que non se aproben os Orzamentos Xerais do Estado (PGE) de 2017, que establecerán a Oferta de Emprego Público.
"Tras convocar unhas oposicións para mellorar o sistema educativo e, por tanto, cubrir a necesidade de profesores para o ensino galego, agora o Goberno de Feijóo acepta que o señor Montoro suspenda as oposicións que se aprobaron en Galicia", lamentou a deputada nacionalista.
Pola súa banda, En Marea cualificou de "chantaxe inaceptable" a vinculación da convocatoria de ofertas públicas de emprego á aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) lanzada polo Goberno central, ao que acusou de "facer reféns" ás persoas que "levan anos esperando para ter unha oportunidade laboral".
Este venres, durante a ofrenda floral no monumento a Rosalía de Santiago con motivo do día da escritora galega, o portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, criticou a un Goberno central en "débil minoría" que "non ten cultura de pactar nin de entenderse con ninguén" e que "agora" pide o "respaldo" da oposición para a aprobación dos orzamentos coa "chantaxe" da suspensión da convocatoria de oposicións.
O pasado xoves o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, advertiu de que, se non hai Orzamentos Xerais do Estado (PGE), "outro bloqueo" afectará as ofertas públicas de emprego (OPE), que xa foron anunciadas pola Xunta e que dispoñen dunha partida asignada nas contas da Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria.
Tras o Consello da Xunta do xoves, Feijóo dirixiuse a quen pide "estabilidade" no emprego público, nunha mensaxe especialmente dirixida aos socialistas, para que "faciliten" o acordo e espera que este chegue "de aquí a abril", data tope para a convocatoria de Educación.
50.000 PRAZAS SEN CUBRIR
O sector de Educación da Central Sindical Independente de Funcionarios (CSIF) tamén se pronunciou este venres para denunciar que con ausencia de oposicións docentes este ano se deixarían sen cubrir 50.000 prazas. Pide ao Goberno que aprobe un decreto lei para que, no caso de que non haxa Presupostos Xerais do Estado en 2017, dea seguridade xurídica ás comunidades autónomas, que son as que convocan as prazas.
O responsable sindical indica que a falta de convocatorias incrementará o número de interinos, que de media en España sitúase no 20 por cento, doce puntos por encima dos estándares europeos, e alertou de que hai comunidades autónomas que superan con fartura esta taxa de interinidade, como é o caso de Cataluña ou Baleares.
Esta situación xera, segundo o presidente de educación de CSIF, inestabilidade nos centros educativos que non poden acometer proxectos a longo prazo polo cambio constante de profesores interinos. "A educación é un proceso", subliñou, para engadir que "é difícil encherse a boca co pacto de Estado cando non poñen interese en solucionar o problema da estabilidade dos centros e os docentes", en alusión ao ministro Íñigo Méndez de Vigo e aos responsables autonómicos.
Este sindicato rexistrará a semana que vén no Congreso dos Deputados un escrito dirixido aos grupos políticos para trasladarlles a preocupación do profesorado e realizará unha rolda de contactos coa fin de que, no caso de que non haxa PGE 2017, o propio Parlamento impulse a oferta de emprego público.
Escribe o teu comentario