O xuíz pide ao Sergas que identifique outros cargos vinculados cos tratamentos da hepatite C

|

Plataformahepatitisc


O titular do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago, Andrés Lago Louro, que investiga a causa aberta pola subministración dos tratamentos da hepatite C, na que dous altos cargos da Xunta están investigados por supostos delitos de prevaricación e homicidio imprudente, pediu ao Sergas que identifique os membros da subcomisión de tratamento para que estes comparezan a declarar en calidade de testemuñas.


Ademais, o xuíz, nun auto da semana pasada, solicita que o Sergas identifique os responsables das compras dos fármacos, tanto "a nivel centralizado como a nivel hospitalario", para que tamén sexan chamados a declarar como testemuñas.


Diso informou, en rolda de prensa, o portavoz da plataforma galega de afectados pola hepatite C, Quique Costas, quen sinalou que o instrutor, por último, ordena ás forzas da orde pública localizar as familias das seis vítimas para ofertarlles o exercicio das accións legais que lle corresponden.


"Hai unha activación maior do procedemento", interpretou Costas, para "alegrarse" por este feito e polo ritmo "máis áxil" que entende que se dará a partir deste momento na instrución. De feito, esperou que "pronto" finalice esta fase "e se poida chegar á apertura do xuízo oral", cuestión que, como remarcou, a plataforma solicitará.


Ata agora, ademais dos dous altos cargos --membros da comisión de tratamento de hepatite C e con calidade de investigados na causa--, declarou no xulgado, como testemuña, a exdirectora de Procesos Asistenciais do complexo hospitalario de Santiago.


No momento álxido das protestas protagonizadas por este colectivo, a comezos de 2015, os enfermos revelaron os nomes dos membros da subcomisión de hepatite C, tras ofrecer un prazo de 48 horas á Consellería de Sanidade para que fixese pública a súa composición.


NOMES


Segundo a información que achegou no seu momento a plataforma, a subcomisión estaba formada polo no seu momento director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Félix Ruibal; a subdirectora xeral de Farmacia do Sergas, Carolina González Criado; o xefe do Servizo Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, Juan Turnes; Ignacio Martín Granizo, un médico do Servizo Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi); Santiago Tomé Martínez, outro médico do Servizo de Medicamento Interno do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (Chus) e membro da unidade de Patoloxía e Transplante Hepático de Galicia.


E tamén integraban esta subcomisión, segundo o colectivo denunciante, Francisco Suárez López, médico do Servizo Dixestivo do Chuac; Ángeles Castro Iglesias, unha profesora titular da Facultade de Ciencias da Saúde da Universidade da Coruña e médico especialista en enfermidades infecciosas; Luís Margusino, farmacéutico hospitalario do Chuac; e José Antonio Valcárcel Nogueira, do servizo de Calidade e Seguridade en medicamentos e produtos sanitarios, do servizo xeral de Farmacia e da dirección xeral de Asistencia Sanitaria.


CAMBIOS NA SITUACIÓN PROCESUAL


Preguntado este venres, na comparecencia ante os medios de comunicación, Quique Costas sinalou que "está por ver" se das novas dilixencias requiridas polo maxistrado se derivan novas imputacións en calidade de investigados, ou a reclamación das mesmas.


Respecto diso, constatou que "vai depender das comparecencias das testemuñas", e opinou que os procedementos abertos son "modificables", polo que "poden cambiar as situacións procesuais" dos agora investigados, ou "entrar novas persoas" a ser investigadas polo xuíz.


Así as cousas, o portavoz desta plataforma aseverou que "fronte á contundencia dos feitos" que se investigan --relativos a seis falecementos-- contraponse a "debilidade" dos argumentos dos dous altos cargos. "Os dirixentes do Sergas, cada vez que fan de pitonisos, as cousas funciónanlles moi mal", engadiu, en alusión a un eventual arquivo da causa.


SITUACIÓN DOS PRESOS


Por outra banda, a plataforma galega de afectados por hepatite C mostrou a súa "sorpresa" ante os datos que fixo públicos o Sergas e que sitúan en 72 os pacientes presos tratados na comunidade galega.


Segundo os datos achegados polo propio Goberno --nunha resposta dirixida a unha senadora--, a data deste xaneiro, eran 12 os enfermos reclusos que estaban a ser tratados: catro no centro penal da Lama e oito en Teixeiro --ningún en Bonxe, Monterroso e Pereiro de Aguiar--.


Aínda de acordo con estes datos gobernamentais, Costas denunciou a alta prevalencia da enfermidade nos cárceres galegos, do 19,4% --con 661 enfermos de 3.403 reclusos--, "cinco puntos por encima da media" dos centros españois. A de Teixeiro, é máis, cun 24,2% de prevalencia, álzase co récord de todo o estado, 10 puntos por encima da media.


No "furgón de cola" sitúase a comunidade, ao seu xuízo, por unha "decisión política" da Xunta, á que acusou de non custear o tratamento para "non ter que esperar" que o Ministerio do Interior lle abone eses gastos e así "cadrar as contas". "Son razóns orzamentarias, e non económicas", sentenciou.


Ante este escenario "grave", a plataforma, nunha reunión este mesmo luns en Madrid, trasladou ao comité de seguimento do plan estratéxico posto en marcha polo Executivo central a necesidade de buscar "unha solución urxente nos cárceres", ante a "disfuncionalidade" detectada en Galicia.


Neste encontro, segundo revelou, a representante da sociedade médica da sida, Ángeles Castro, do complexo hospitalario da Coruña, denunciou "restricións para prescribir" os tratamentos.

relacionada Dos 260 reclusos con Hepatite C en Galicia, só 18 reciben tratamento
relacionada Ruibal nega dilación na administración de fármacos da hepatite C por motivos económicos
relacionada O tratamento da hepatite C chegará este ano aos pacientes leves

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress