Elena Candía, investida nova alcaldesa de Lugo entre apupos dos veciños

Decenas de persoas concentráronse ante o consistorio para criticar a moción de censura.


|

HHtX9JtW4AYJA5P
Foto: @g24noticias

 

Case tres décadas despois, o PP de Lugo ten o bastón de mando na cidade amurallada. Un verdadeiro golpe de efécto polos populares, que só gobernaban na cidade de Ferrol entre as sete urbes galegas, e que cunha moción de censura amarrada con María Reigosa, edil tránsfuga do PSOE, suman unha cidade máis ao seu botín. No entanto, o movemento non estivo exento de polémica nin de enfado por parte dos veciños.

 

PROTESTAS ANTE O CONCELLO

O pleno deste xoves onde se debateu a moción e investiuse a Candia -nunha lexislatura marcada polo paso de tres alcaldes coa saída de Lara Méndez primeiro e a morte de Paula Alvarellos despois, tomando Miguel Fernández a substitución hai un ano- quedará para sempre polo enfrontamento entre simpatizantes dun e outra cor política.

 

 

Por unha banda os que apoiaban ao goberno saído das urnas, que apuparon a Candia e Reigosa á súa chegada ao Concello. A resposta dos simpatizantes do PP chegou en forma de aplausos en concentracións ante o consistorio lucense, onde se proferiron proclamas, insultos e desafíos como "Elena, sal ao balcón, sal ao balcón" ou "Elena sae xa que o público se vai".

 

Esta circunstancia provocou algúns momentos de tensión, como cando Candia saíu a saudar a familiares e amigos, recibida pola rúa a berros de "corrupta" e "traidora", ademais de sirenas e asubíos nunha mañá axitada en Lugo, que contou cun importante despregamento de axentes para evitar males maiores. 

 

 

PLENO

No relativo ao pleno, celebrado nun ambiente de máxima tensión, a moción saldouse con 13 votos a favor —os 12 concelleiros do PP máis o de Reigosa— fronte aos 12 en contra que sumaron socialistas e nacionalistas do BNG. Cun só voto de diferenza, Candia convértese na cuarta persoa que ostenta o bastón de mando en Lugo durante o actual mandato municipal.

 

A manobra contou co respaldo explícito dos máximos dirixentes do PPdeG. A secretaria xeral do partido, Paula Prado, acudiu ao consistorio xunto a un numeroso grupo de alcaldes e concelleiras populares de toda Galicia. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que se atopaba en Bruxelas durante o debate, avalara previamente a iniciativa rexistrada o pasado 22 de abril.

 

 

A RÚA, CONTRA A MOCIÓN

Mentres se desenvolvía o pleno, varios centos de cidadáns concentráronse no exterior do concello baixo consignas como "Lugo non se vende", en rexeitamento á operación. O acceso do público ao salón de plenos foi vetado, oficialmente por razóns de seguridade, o que xerou un agre debate previo entre os membros da mesa. A sala quedou copada por medios de comunicación e persoal de confianza dos grupos municipais antes de comezar a sesión.

 

O socialista Miguel Fernández, até hoxe rexedor, acusou ao PP de ver nas traxedias que afectaron o executivo local "unha oportunidade para alcanzar por vías indirectas o poder que a cidadanía non lle concedeu nas urnas", cualificando de "mentira" que a moción estivese xustificada.

 

 

Pola súa banda, o portavoz do BNG, Rubén Arroxo, recorreu a Miguel de Unamuno para resumir a súa posición: "Vencerán, pero non convencerán". Arroxo denunciou que a operación buscaba "crear un clima de crispación e inestabilidade" e acusou aos protagonistas de mercadear coa traizón.

 

A VOZ DO PSOE E A DEFENSA DO PP

A portavoz socialista, Ana González Abelleira, cargou contra o acordo alcanzado "na escuridade dos despachos" e co que considerou unha traizón aos principios éticos, aínda que reivindicou que o goberno bipartito saínte deixa a cidade "coa cabeza alta". Reigosa, pola súa banda, optou polo silencio e renunciou a intervir na súa quenda de palabra durante a votación.

 

Candia, avogada nada en Mondoñedo e vicepresidenta do Parlamento de Galicia —cargo ao que renuncia automaticamente ao asumir a alcaldía—, quedouse a apenas 700 votos de gañar as eleccións municipais de 2023. O concelleiro Ramón Cabarcos defendeu a legalidade do procedemento: "Non é unha alteración do sistema democrático, senón parte do seu funcionamento".

 

 

 

Con Lugo como cidade de máis de 100.000 habitantes, o PP retorna ao goberno municipal por primeira vez desde que en 1999 José Clemente López Orozco inaugurase a longa era socialista. Galicia rexistra así un novo episodio de inestabilidade política municipal protagonizado polos dous grandes partidos do arco galego.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE