O tratamento da hepatite C chegará este ano aos pacientes leves

Almuíña mantense na súa defensa dos dous altos cargos do Sergas que están a ser investigados por suposto homicidio imprudente.


|


HepatiteC


O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, reivindicou este martes o tratamento dos pacientes con hepatite C --que agora se estenderá aos estadíos máis leves-- e "especialmente" o traballo dos dous altos cargos do Sergas que están a ser investigados por suposto homicidio imprudente.


"Son dúas persoas que están a ser atacadas por xente que non os coñece, nin coñece o seu traballo, e que fala por falar", sentenciou o titular de Sanidade nunha comparecencia ante o pleno do Parlamento, ante unha petición da oposición de que sexan apartados dos seus postos ata que se aclare o ocorrido.


Ademais, proclamou que hai que "estar orgullosos de xente coma eles, que fan moitas horas fóra do seu tempo regrado por mellorar a calidade da sanidade", e iso valeulle duras críticas por parte da deputada do BNG Montse Prado: "Saír a sacar peito diso inhabilítao".


"Quen fala por falar? As familias dos que morreron? O fiscal?", inquiriu tamén Eva Solla, de En Marea, quen censurou aos dirixentes do PP que "cren que están por encima do ben e do mal". A este respecto, esixiu que se distinga entre as responsabilidades xudiciais e as políticas.


Así mesmo, o representante do PSOE no debate, Julio Torrado, esixiu "explicacións" ao conselleiro de Sanidade sobre as deficiencias na dispensación do tratamento de hepatite C, aínda que sinalou que sería "mellor" non "escoitar" as que ofreceu no seu día o presidente da Xunta sobre a escasa cantidade de afectados.


HOSPITAL DE CONXO


Outro asunto que suscitou un amplo debate durante a comparecencia de Vázquez Almuíña foi a situación do psiquiátrico compostelán de Conxo, onde nos últimos meses se rexistraron un suicidio e unha agresión sexual dunha interna a mans doutra.


Despois de avanzar que "en próximas semanas" se aprobará un plan de prevención do suicidio, entre outros reforzos do programa de saúde mental, o conselleiro asegurou que no momento do suicidio non existía "unha diminución de recursos sanitarios nin de persoal".


Con todo, para a nacionalista o ocorrido é "consecuencia" da súa "falta de planificación, nefasta xestión e escaseza de persoal" e "desmentiu" que houbese persoal suficiente e que os protocolos estivesen correctamente redactados.


Tamén Julio Torrado reprobou o intento do conselleiro de dicir que "todo vai ben". "Explíquellelo ás familias", espetoulle, mentres Eva Solla esixiu á Xunta que poña en marcha unha investigación tras soster unha vez máis que "os recortes matan".


Desde filas populares Aurelio Núñez Centeno apelou a "respectar" o segredo de sumario e tamén o segredo profesional, tras recriminar que se use unha "desgraciada" situación para "o debate político".


CONCURSO DE AMBULANCIAS


Sen saír dos asuntos do ámbito sanitario que están a ser analizados pola Xustiza, todos os portavoces da oposición sacaron a colación o concurso de ambulancias.


"Non sei que dirá o xulgado", comezou o parlamentario socialista, quen lembrou que a empresa adxudicataria dun contrato de máis de 120 millóns "xa tiña as ambulancias rotuladas".


Con todo, o conselleiro de Sanidade rexeitou pronunciarse sobre o asunto e nin sequera o mencionou en ningunha das súas tres intervencións sen límite de tempo.


NOVOS PLANS


Proba diso son os seus anuncios sobre un plan de control da tuberculose, a consolidación da rede de atención ao ictus, a abordaxe do consumo de alcol en menores e a obesidade infantil, así como da apertura de catro novos centros de saúde e diversas obras en hospitais.


Ademais, o conselleiro lembrou que este ano se convocará unha oferta pública de emprego para máis de 800 persoas para "dar estabilidade" ao persoal sanitario. E, ante as críticas da oposición pola situación "precaria" destes traballadores, indicou que xa se pediu ao Goberno central suprimir a taxa de reposición.


Finalmente, tanto desde o BNG, o PSOE e En Marea, enumeráronse distintos problemas, coma os colapsos en urxencias, as elevadas listas de espera, os constantes cambios no calendario de vacinación e a próxima folga de anestesistas do hospital da Coruña.


Todas elas, en palabras de Núñez Centeno, "críticas sen fundamento" para pintar "unha sanidade terceiromundista" que non se corresponde coa realidade. Como as "ladaíñas" das "misas en latín", que os curas oficiaban "de costas" ao pobo, remachou.

relacionada Os reclusos en Galicia sofren "impedimentos" para acceder a fármacos da hepatite C
relacionada Os dous altos cargos do Sergas terán que declarar por homicidio imprudente no caso da Hepatite C

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE