O pai de Iván Durán: "Quedei só, sen a miña sombra, o meu amigo, cómplice, o meu gran fillo"
Enrique Durán fai pública unha misiva a Iván, ao que define como 'bondadoso' e 'mediador' á vez que lanza unha voraz crítica á investigación do caso.
O pai de Iván Durán, o mozo de Baiona desaparecido desde o pasado mes de agosto e finalmente achado morto o domingo pasado a pouca distancia do domicilio familiar, acaba de facer pública unha misiva dirixida ao seu fillo na que expresa o seu amor, a súa pena, a súa soidade e tamén o seu rancor.
"Iván era a icona da nosa familia. O capitán como lle chamaba o seu abu, o meu pai. Sempre e coa súa bondade, trataba de mediar e buscar a paz e a unión familiar, aínda que pola súa enorme bondade, perdese e se sacrificase en beneficio dos demais" rezan as primeiras liñas do texto de despedida.
Iván, de 30 anos, desaparecía o pasado mes de agosto, practicamente ao mesmo tempo que se facía oficial a desaparición de Diana Quer, a moza madrileña á que se lle perdeu o rastro no bulicio das festas patronais de Pobra do Caramiñal, e cuxo caso está a resultar un auténtico crebacabezas para os investigadores.
Os pais de Durán denunciaron en numerosas ocasións que o caso de Diana estaba a acaparar toda a atención de medios de comunicación e Garda Civil, e que existía un agravio comparativo nos recursos destinados a un e outro caso. Concretamente, Enrique Durán pediu en reiteradas ocasiones cans de rastrexo dado que sospeitaban que Iván estaría escondido no monte, onde a abundante maleza e frondosidade das árbores impediría a procura ocular. Segundo o proxenitor, tales medios nunca lles foron concedidos.
"Ivan, pescadito, ti que repartiches tanto agarimo a todos nós, pais, irmá, Ángel, aos avós...Entregáchelo todo fillo meu e non deixaches nada para ti, que pena, quedei só, sen a miña sombra, o meu amigo, cómplice, o meu gran fillo..."
Durante os sete meses que durou a procura de Iván Durán, a actitude do seu pai e a súa familia foi sempre moi proactiva cos medios. Esta carta é unha última demostración desa loita que para eles aínda continúa, pois condenan enerxicamente a actuación da investigación, e esperan, como o propio Durán explica na súa carta, que a morte do seu fillo "sexa unha icona para que non volva haber máis neglixencias".
O cadáver de Iván foi atopado nunha zona do monte de Baiona moi próxima ao domicilio familiar e ao propio cuartel da Garda Civil, o cal en opinión da familia reforza a hipótese de que, de empregar todos os medios necesarios, o mozo podería ser atopado con vida.
"A túa sensibilidade e bondade non che deixaban entender esta sociedade chea de fraudes e inxusta e decidiches irche a outro lugar, que estivese á túa altura. Que saibas fillo meu, que o teu can Toro, o teu fiel amigo, non puido soportar a pena pola túa ausencia e xusto ao mes de irte, tamén decidiu irse contigo"
A familia pecha así un capítulo, con moita probabilidade o peor das súas vidas, e despídese con esta carta-homenaxe feita pública a través de Atlántico Diario do seu fillo Iván, concluíndo cunha mensaxe íntima, humana e fraterna: "Ata pronto o meu neno, con todo o noso amor".
Escribe o teu comentario