Feijóo reincorpórase hoxe trala paternidade
O presidente da Xunta non colleu a baixa, pero si estivo unha semana ausente. Recupera a súa axenda aos poucos.
Alberto Núñez Feijóo retoma este mércores as súas tarefas despois da súa recente paternidade e responderá os grupos na sesión de control que alberga o Pazo do Hórreo.
En concreto, a portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón, preguntaralle sobre as actuacións previstas polo Goberno galego en relación co anuncio da consolidación da venda pola empresa Ferroatlántica das centrais hidroeléctricas no río Xallas e a súa posible incidencia no emprego da Costa da Morte.
Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) interrogaráo sobre a avaliación dos efectos da situación laboral no Sergas na asistencia sanitaria e Luís Villares (En Marea), sobre "o sufrimento que provocan os recortes en materia sanitaria".
Feijóo non se acolleu á súa baixa por paternidade, pero si estivo uns días ausente polo nacemento do seu bebé. O presidente tamén avanzara que a súa incorporación aos actos públicos sería paulatina.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou xa na pasada xornada que o mandatario autonómico estaba "a ver un pouco a evolución" da situación tanto da súa parella coma do recentemente nado e dixo ter a impresión de que se reincorporaría esta semana.
O fillo de Feijóo naceu o pasado mércores día 15 de febreiro e o xoves 16 o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a delegación de funcións no vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
Escribe o teu comentario